O sábado 1 de outubro agárdase a participación de 300 ciclistas que farán un circuíto polo conxunto histórico
O Concello de Tui é pioneiro ao acoller o sábado 1 de outubro a primeira proba de 12 horas de BTT nun circuíto urbano. O ano pasado realizouse xa outro evento de 12 horas de bicicleta no Parque Natural do Monte Aloia e nesta ocasión apostouse por crear un circuíto en pleno casco urbano e no conxunto histórico. Así o expuxeron esta mañá os organizadores da proba, a Fundación Óscar Pereiro, xunto aos responsables municipais na presentación do 12 horas ou 6 horas de BTT Cidade de Tui. Compareceron ante os medios de comunicación o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, o ex-ciclista profesional, Óscar Pereiro, a responsable das actividades paralelas, Adela Lamela, o responsable da organización do evento, Aurelio Piñeiro, e o presidente de ACITUI, Juan Carlos Blanco.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou o acertado da elección de Tui para este evento porque a cidade conxuga valores patrimoniais e naturais que realzan a dimensión de calquera proba. Ao tempo salientou que se da o binomio perfecto “o entorno engrandece a proba e a proba serve para pór en valor e mostrar estes valores patrimoniais, naturais e culturais”. Mentres o concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, explicou que se trata dun evento novidoso, e dunha aposta arriscada xa que será a primeira vez que se realice nun conxunto histórico. Agarda o edil que sexa do agrado tanto dos participantes coma do público.
Óscar Pereiro fixo fincapé no novidoso da proba por celebrarse nun circuíto urbano, salientando que Tui será pioneiro en acoller un evento deportivo destas características. O gañador do Tour de Francia confía no éxito da proposta e na súa continuidade no tempo. El mesmo participará nesta primeira edición. Aurelio Piñeiro, responsable da organización explicou os pormenores da proba, mentres o presidente de ACITUI, Juan Carlos Blanco, amosou o apoio do colectivo que preside a este evento.
O 12 horas BTT Cidade de Tui comezará ás 9h para realizar un circuíto que partirá do Paseo da Corredoira, pasará por San Domingos, San Bartolomeu, o paseo fluvial e o conxunto histórico da cidade. Ás 15h será a saída para as 6 horas BTT Cidade de Tui. As dúas probas rematarán ás 21h e nas mesmas a organización agarda superar os 300 participantes nas modalidades de individual, parellas, e equipos de 3 e de 4 persoas. Poderase empregar tanto bicicleta de montaña de coma ciclocross. Os interesados en participar teñen ata o mércores 28 deste mes ás 23.59h para inscribirse en emesports.es aboando unha cota de 20 euros por persoa para as 12 horas e de 15€ para as 6 horas. Como actividades paralelas haberá xincanas e unha masterclass de zumba de 19 a 21h.
Sem comentários:
Enviar um comentário