Unha oferta ampla, diversa e para todos os públicos é a que presenta o Concello de Tui para o primeiro semestre do ano no Teatro Municipal de Tui. Así se deu a coñecer esta mañá na presentación oficial do número 33 da Axenda Cultural Corredoira. Participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura, María José González, así coma Fran Núñez, director e actor de Limiar Teatro; Xandre Vázquez, produtor de Educa Teatro; Cándido Pazo, director de Contraproducións, e Artur Trillo, director de Talia Teatro.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salientou a aposta inequívoca do concello pola cultura “coma elemento necesario na vertebración dunha sociedade”. Referiuse a que a axenda cultura, que conta cunha longa tradición, mantén un altísimo nivel. Afirmou que esta axenda seguirá sendo un éxito, avanzando que está traballando para que se reforce o seu carácter transfronteirizo.
Tras catorce anos de actividade o Teatro Municipal é un referente cultural en Galicia e no Norte de Portugal, non só pola programación estable e de calidade que acolle senón tamén pola resposta que ten por parte do público xa que miles de persoas pasan cada ano por este espazo escénico. Así o explicou a concelleira de Cultura, María José González, destacando que o obxectivo é continuar consolidando o traballo realizado ao longo da última década e manter e reforzar a aposta por unha programación de alto nivel, que non tería sido posible sen a alianza coa Rede Galega de Teatros e Auditorios que fornece boa parte dos espectáculos previstos. Detallou María José González que a programación presentada esta mañá, orzamentada en 25 mil euros dos que o 40% é aportado pola AGADIC, consta de 10 espectáculos de teatro, música e cinema.
Dez espectáculo de teatro, música e cinema
O Teatro Municipal de Tui continúa a ser un dos puntos culturais de referencia de Galicia con 10 espectáculos caracterizados pola súa variedade e calidade. Como vén sendo habitual, a programación destaca ademais por estar destinada a tódolos públicos, co 50% das obras para público adulto e o outro 50% para infantil.
Entre as catro obras destinadas ao público adulto, dúas son de gran formato con até dez actrices e actores galegos sobre o escenario. O Centro Dramático Galego traerá a Tui unha nova mirada do Martes de Carnaval de Valle Inclán, obra na que nunha duración de 120 minutos, os dez intérpretes póñense ás ordes de Tito Asorey e Marta Pérez. Pola súa parte, Contraproducións representará O tolleito de Inishmaan na que, con oito actrices e actores, o público sentirase atrapado polo humor e a tenrura dun teatro tan noso como irlandés. Trátase, en palabras do seu director, Cándido Pazó, dun “drama disfrazado de comedia”. Pazó destaco así mesmo que “Tui está entre eses lugares que un quere visitar pola súa programación cultural diversa e de calidade”.
Completan a programación adulta o humor de “Menú da Noite” de Carlos Blanco e Luis Davila e o drama de Foucellas, de Talía Teatro, obra que “aproveita as vivencias de Foucellas levándoas a problemas universais como o fracaso vital”, segundo apuntou o director da compañía, Arturo Trillo.
Os nenos e nenas serán partícipes da programación con 4 espectáculos destinados especificamente para eles. Trátase da Sirenita, de La Canica, Feo!, de Caramuxo Teatro, Don Quixote, unha comedia gastronómica, de Limiar Teatro e Carapuchiña Vermella, de Educa Teatro. Fran Núñez, director e actor de Limiar Teatro explicou que farán en Tui unha función especial en Tui co público no escenario, nunha obra na que levan máis de 200 funcións. Mentres o produtor de Educa Teatro, Xandre Vázquez, asegurou que “hai unha serie de localidades en Galicia que son referencia e Tui é sen dúbida unha delas”. Achegarán unha adaptación actualizada da Carapuchiña Vermella con banda sonora orixinal e na que os nenos participarán activamente.
No caso do cinema, o Teatro Municipal acollerá a proxección de dous filmes, un para público adulto e outro para infantil. Este último é o caso de O espírito do bosque, de Dygra Films, que relata a historia dos animais enfrontados á destrución do seu hábitat. Por último, Sicixia, dirixida por Ignacio Vilar, achegará a historia de un enxeñeiro que se mergulla na idiosincrasia da cultura da Costa da Morte.
A Axenda Cultural Corredoira recolle asemade os eventos previstos neste primeiro semestre do ano coma a celebración do Entroido en febreiro, unha nova edición de Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui, do 22 ao 26 de marzo, as festas patronais de San Telmo en abril, e as feiras de artesanía e do libro no mes de maio.
Da Axenda Cultural Corredoira son editados 15 mil exemplares que son distribuídos tanto en Tui coma en Valença.
Sem comentários:
Enviar um comentário