quinta-feira, 1 de junho de 2017

O venres 2 de xuño comezará a peonalización do conxunto histórico de Tui

Durante a primeira fase aplicarase os venres, sábados e domingo, e os residentes poderán estacionar pola noite
A peonalización do conxunto histórico de Tui comezará a aplicarse o venres, 2 de xuño. Nesta primeira fase, que durará aproximadamente un mes, o tráfico restrinxirase nas fin de semana e permitirase o estacionamento dos residentes pola noite.
Así dende o venres, 2 de xuño, ás 16h ata o luns 5 ás 8h, e a partir desta data todos os fins de semana, a zona de intramuros estará pechada ao tráfico, de tal xeito que con carácter xeral non se poderá circular nin estacionar nas rúas afectadas por esta medida. En concreto aplicarase nas rúas Cuenca, Pracer, San Telmo, Bispo Castañón, Sanz, Porta da Pía, Seijas, Párroco Manuel Rodríguez Vázquez, Monxas, Entrefornos, rúa Ouro, Miñoteira e Piñeiro, e nas prazas da Armada , da Estrela, do Pracer, da Misericordia, do Concello, de San Fernando e de Frómista.
Os residentes, que posúan o distintivo R, poderán estacionar nas Zonas Verdes habilitadas e durante as noites dende ás 22h ata ás 10h na zona de intramuros.  As Zonas Verdes están situadas no Piñeiro, nas rúas Bispo Lago, Ordóñez e Martínez Padín dende o cruzamento co Arrabal, e no Paseo Fluvial. Nas mesmas só poderán estacionar os residentes en intramuros e nestas mesmas rúas. Por outra parte establécese un horario de carga e descarga de 8 a 10h cada xornada.
No Concello foron tramitados 250 distintivos R para residentes que lles permite o acceso á zona peonil cun tempo máximo de 15 minutos, e o estacionamento nas Zonas Verde. Mentres se entregaron 40 distintivos RE para residentes en Zona Verde permite lles permite o estacionamento nesta zona.  Concedéronse 55 distintivos S para familiares ou persoas que presten asistencia a maiores ou dependentes que residen na zona intramuros, o que lles permitirá o acceso á súa vivenda nas condicións dos residentes, sen opción de estacionamento en Zona Verde. Amais outorgáronse 37 distintivos P para propietarios non residentes e 73 E a propietarios de establecementos de hostalería que lles permite realizar pequenas operacións de carga e descarga en horario comercial por un tempo máximo de 30 minutos, non podendo estacionar na Zona Verde. Amais hai 10 autorizacións de carga e descarga.
O acceso ao conxunto histórico, por parte dos vehículos autorizados, farase a través dos dispositivos inarámicos que accionarán as pilonas situadas na Porta da Pía, no Piñeiro, nas rúas Cuenca e San Telmo e na Praza da Armada.  
O obxectivo do Plan de Peonalización do conxunto histórico de Tui é a conservación, posta en valor e dinamización desta zona da cidade, declarada Ben de Interese Cultural en 1968, así coma a recuperación deste espazo coma punto de encontro entre as persoas.
A posta en marcha deste Plan de Peonalización vén recollida na ordenanza reguladora do tráfico.
A concelleira de Patrimonio do Concello de Tui, Carmen Núñez, destaca que coa entrada en vigor desta primeira fase comeza a aplicación do Plan de Peonalización do Conxunto Histórico que no prazo aproximado dun mes se aplicará todos os días da semana. A edil solicita a colaboración cidadá para o cumprimento deste plan, avanzando que con esta primeira aplicación  durante as fins de semana comprobarase o correcto funcionamento de todos os dispositivos, solucionando posibles incidencias, e tomando notas de posibles melloras que se poidan levar a cabo.

Sem comentários:

Enviar um comentário