A Directora Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, María Nava Castro Dominguez, visitou o Concello de Tui, sendo recibida polo primeiro tenente de Alcalde, Moisés Rodríguez Pérez. A Directora Xeral estivo acompañada pola xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro Castro.
No decurso da súa visita fóronlle presentados polo responsable do Concello tudense diversos proxectos e iniciativas vinculadas ás competencias do seu departamento. Así, acordouse que diversas actividades relacionadas co mundo da artesanía (en concreto, exposicións e obradoiros) desenvolvéranse na cidade tudense ao longo dos vindeiros meses.
Tamén neste ámbito competencial analizaron a posibilidade de que a Feira de Artesanía que anualmente celebra o Concello de Tui na primeira fin de semana de maio e que conta coa presenza de mais de corenta artesáns poida recibir algunha axuda económica dende a Dirección Xeral.
Tamén houbo coincidencia en promover conxuntamente entre o Concello e a Dirección Xeral unha actuación dirixida a implantación de novos establecementos comerciais no casco histórico da cidade. Neste sentido, Nava Castro informou que dende a Dirección Xeral de Comercio existen varias liñas de axudas para a adecuación de novos locais comerciais ao abeiro do plan de renovación e mellora do comercio galego e que poderían financiar este proxecto; unha liña de actuación que se renovará no vindeiro ano para intensificar a adecuación do comercio galego aos novos retos.
Finalmente tamén analizaron no decurso da xuntanza, as actuacións que leva adiante o Concello de Tui en materia de consumo, especificamente a actividade da Oficina Municipal de Información ao Consumidor, e a posibilidade por parte do Concello de Tui solicitar unha excepcionalidade na aplicación da lexislación en materia de horarios comerciais.
Sem comentários:
Enviar um comentário