sexta-feira, 16 de outubro de 2009

Este sábado proxéctase “O Retrato Filmado” no Teatro Municipal

Este innovador proxecto de Play-Doc verase ás 20h con entrada libre. O Teatro Municipal de Tui acolle este sábado ás oito da tarde a proxección de “Retrato Filmado” unha peza documental realizada o pasado mes de marzo na quinta edición de Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais. A entrada será gratuíta e a apertura de portas farase ás 19.30h.
O “Retrato Filmado” é un proxecto novidoso no que dez realizadores de Cuba, Perú, Portugal, Barcelona, Córdoba e Galicia conviviron durante unha semana cun veciño ou veciña de Tui de quen realizaron un retrato documental. As personaxes que estiveron fronte á cámara foron un neno de catro anos, unha muller de 106, unha empresaria da restauración, unha enfermeira, un profesor, unha parella que ten un grupo de rock.... As pezas realizadas uníronse nun único proxecto que xa foi proxectado durante o festival e que agora teremos unha nova oportunidade de ollar.  Ao fronte deste taller estivo Marta Andreu, profesora da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, que neste sábado regresará a Tui para asistir a  esta nova proxección de “Retrato filmado”.
Play-Doc está xa a traballar na sexta edición do Festival que se vai celebrar en marzo de 2010. Até o próximo 15 de novembro está aberto o prazo para a recepción dos documentais que desexen participar. As bases completas e toda a información pódese atopar na web www.play-doc.com.
Proxección de “Retrato Filmado”
Lugar: Teatro Municipal
Data e hora: Sábado, 17 de outubro ás 20h
Entrada: Libre até completar aforamento. Apertura de portas ás 19.30h

Sem comentários:

Enviar um comentário