Tui volve acoller as Xornadas Europeas de Patrimonio esta fin de semana, baixo o lema de “Patrimonio e Creación Contemporánea”. Trátase dunha iniciativa europea que se celebra anualmente, dende 1991, nos 49 estados asinantes do Convenio Cultural Europeo. Dende hai xa anos estas xornadas son a escusa perfecta para celebrar a diversidade cultural europea representada no seu Patrimonio Cultural e aproveitar para destacar a necesidade da súa posta en valor.
O obxectivo das Xornadas europeas de patrimonio é múltiple. Trátase de sensibilizar ós cidadáns europeos sobre a riqueza e a diversidade cultural de Europa, así como fomentar a valoración do rico mosaico que compoñen as culturas europeas e o diálogo intercultural. Esta festa é tamén un xeito de combater o racismo e a xenofobia e favorecer unha maior tolerancia entre pobos.
O concello de Tui, segundo informou nesta mañá o seu concelleiro de cultura, Moisés Rodríguez Pérez, foi a primeira institución de Galicia en sumarse a esta iniciativa das Xornadas Europeas de Patrimonio, testemuñando o seu compromiso pola posta en valor do seu conxunto patrimonial. Estas actividades pretenden a posta en valor e a difusión dos elementos da súa riqueza cultural.
Visitas guiadas
As actividades principais destas xornadas son as visitas guiadas por diversos expertos que se realizarán en distintos puntos da cidade e do concello. Así, o sábado día 3 de Outubro, visitarase o Viveiro e Aula forestal de Areas. A visita estará guiada por Manuel Pérez Pintos e a rota comezará ás 11:00 horas no propio Viveiro. Este enclave que ven de cumprir o seu centenario é un lugar dotado dun importante patrimonio natural promovido, no seu día, polo enxeñeiro tudense Rafael Areses.
Pola tarde do sábado, ás 17:30 horas, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Marta Cendón Fernández, guiará a visita que se realizará á Catedral de Tui, o principal emblema do patrimonio tudense. Marta Cendón é profesora titular de Historia da Arte e, na actualidade, unha das máximas especialistas no templo tudense.
O domingo, a partir das 12:00 horas, realizarase un percorrido polas murallas tudenses. Partirase do Monumento ao Bispo Lago, na rúa Ordoñez e a visita estará guiada polo arqueólogo Juan José Perles Fontao, visitando diversos elementos do entramado amurallado tanto de época medieval como moderna.
Xa pola tarde a visita será aos conxuntos escultóricos contemporáneos da cidade de Tui: “Monumento a Tui” de Picallo, “Os Cabalos” de J.J. Oliveira e “Monumento aos represaliados” de Silverio Rivas. O percorrido iniciarase na Praza de Galicia ás 17:30 horas. Deste xeito as Xornadas Europeas do Patrimonio de Tui recollen tamén a temática coas que se celebra no resto de España neste ano 2009: “Patrimonio e creación contemporánea”, poñendo en valor estes tres conxuntos escultóricos de artistas contemporáneos existentes na nosa localidade.
Nas anteriores Xornadas dos anos 2007 e 2008 a resposta dos tudenses e visitantes a estes roteiros patrimoniais ten sido altamente positiva cunha elevada participación de público.
Sem comentários:
Enviar um comentário