O Telecentro de Tui acolle, dende o vindeiro 4 de novembro, un curso sobre “creatividade e intelixencia emocional” co obxectivo de ensinar a manexar a forza das emocións para converter as ideas mellores en realidade. Este curso está preferentemente dirixido a moz@s interesados na creatividade e no traballo da intelixencia emocional como vehículo para a mellora persoal, laboral e social. Esta acción formativa está organizada polo Consello da Xuventude de Galicia.
Todos os mozos e mozas interesados en realizar este curso, poden inscribirse de xeito gratuíto no teléfono 902.922.270, ou través da web do Centro Multimedia de Galicia: http://reservas.centromultimedia.net/public/reservas.php . Terá unha duración de 120 horas rematando o vindeiro 17 de decembro. As clases desenvolvéranse diariamente, de lúns a xoves, de 09,00 a 14,00 horas no Telecentro tudense.
Con esta nova acción formativa o Telecentro de Tui fornece aos cidadáns tudenses unha nova alternativa de formación.
Os telecentros de comunicación pretenden, con iniciativas como esta, incorporarse coma unha alternativa habitual na axenda de tempo libre e de formación da cidadanía facilitando o acceso público a internet como medio de comunicación e información. A Rede de Telecentros de Comunicación está promovida pola Secretaria Xeral de Medios da Xunta de Galicia.
Sem comentários:
Enviar um comentário