As seleccións universitarias de balonmán de España e Portugal vanse enfrontar no III Trofeo Eurocidade de Balonmán que terá lugar este venres no novo pavillón de deportes municipal de Tui. A entrada será gratuíta.
O primeiro partido será ás 18h entre a Selección Española masculina e a Selección Portuguesa masculina, mentres que ás 20h o partido será entre as selección universitarias femininas.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, expuxo que a celebración deste Trofeo Eurocidade coas seleccións universitarias é un premio para o Club Balonmán Tui, a quen felicitou polo seu traballo serio e constante, e pola súa implicación. Ao tempo destacou estes dous encontros coma unha oportunidade histórica para disfrutar do balonmán de alto nivel.
O concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, convidou a presenciar estes partidos no novo pavillón de Tui e disfrutar dun gran espectáculo de balonmán. Lembrou amais coma o Club Balonmán Tui foi distinguido na Gala do Deporte Tudense de 2013 coma o Mellor Club de Tui e premiado tamén polo seu traballo co deporte base. O vareador de Desporto de Valença, José Monte, citou coma precisamente a primeira actividade conxunta entre Tui e Valença no eido deportivo foi tamén hai catro anos un trofeo universitario. Amais destacaba a posibilidade de crear sinerxías entre as dúas cidades para que o cidadáns de Valença poidan practicar balonmán en Tui ante a inexistencia alí dun club local.
O presidente de Federación Galega de Balonmán, José Luís Pérez Ouro, explicou que as seleccións españolas feminina e masculina están concentradas estes días en Meaño de forma previa a súa participación no Campionato do Mundo que terá lugar en Guimaraes dende o próximo luns, mentres que as seleccións portuguesas están en Valença, de aí que xurdira a posibilidade de realizar estes encontros. Afirmaba amais que este é un premio para o Club Balonmán Tui polo traballo que realiza.
Ismael Solla, do Club Balonmán Tui, sinalou que estes son uns partido de moi alto nivel xa que nos mesmos competirán xogadores da máxima categoría neste deporte, entre os que están os galegos Estela Doiro, xogadora do Atlético Guardés, e José Rial que milita nas filas do Xixón.
Sem comentários:
Enviar um comentário