Concertos, obradoiros, visitas guiadas, exposicións conforman un programa multidisciplinar para celebrar os dez anos do festival
“Música no Claustro é máis que un festival de música” así o expuxo esta mañá o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, na presentación da décima edición deste evento cultural que terá lugar en Tui do 6 ao 10 de agosto. O rexedor tudense referiuse coa súa afirmación ao carácter multidisciplinar que ten o festival, reforzado máis se cabe co gallo do seu décimo aniversario.
A presentación de Música no Claustro celebrouse esta mañá no Claustro da Catedral de Tui contando coa presenza do alcalde, Moisés Rodríguez, o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, o cóengo da Catedral, D. Ricardo García, o director de Música no Claustro, Samuel Diz, así coma da ourive e do músico Anxo Pintos que estarán presentes nesta décima edición.
Samuel Diz, director do festival explicou coma as liñas mestras deste décimo aniversario están trazadas por unha parte entorno a unha retrospectiva das nove edicións celebradas, pero tamén conmemorando dúas efemérides destacadas coma son os 200 anos do nacemento de Rosendo Salvado en Tui e os 300 anos dos órganos da Catedral tudense. Tamén avanzaba que manteñen o compromiso cos artistas de Tui representados este ano por Victoria Vinader que inspirándose nas doce santas existentes no coro catedralicio, creará doce novas figuras que se colocarán durante o festival en doce arcos do claustro baixo o título de “Constelación de doce mulleres”. Mentres o fotógrafo José Luís Puértolas presentará na Fototeca-Estudio a mostra “Instantes de Música no Claustro” cun achegamento ás anteriores edicións do festival. Non faltarán tampouco as visitas guiadas conducidas polo historiador Suso Vila que presentará unha ollada distinta do templo catedralicio con percorridos nocturnos que irán ata o tellados, ás campás ou á matraca. Tamén el será o responsable de guiar a visita ao “Tui de Rosendo Salvado” que irá dende a casa natal do bispo de Nova Nursia no barrio de Riomuíños ata a propia Catedral. E unha das principais novidades deste ano será a “Benvida e visita guiada para peregrinos” que se celebrará do 6 ao 10 de agosto ás 19.30h cun mini concerto e visita á Catedral. Esta iniciativa foi gabada polo xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, quen salientou coma a cultura e a música son tamén xeitos de dinamizar o Camiño de Santiago. Avanzou nese senso coma máis de 18 mil peregrinos percorreron dende comezos deste 2014 o Camiño Portugués que é xa o segundo camiño máis transitado. E explicou que no Plan Director dos Camiños, que está en fase de redacción, un dos obxectivos é “crear conciencia social de que o Camiño é a icona de Galicia”.
Amais de na visita guiada a figura de Rosendo Salvado estará tamén presente no concerto de órgano que Fernando Buide ofrecerá na súa memoria o venres ás 00h na Catedral. Mentres Roberto Fresco, organista da Catedral da Almudena, ofrecerá o domingo ás 10 ás 20.30h o concerto de clausura en co-produción con Música en Compostela.
Música no Claustro volve apostar pola artesanía coa presenza da ourive Susi Gesto que ofrecerá un obradoiro de ourivería para adultos, no que explicaba amosará a ourivería coma ferramenta de expresión. Tamén estarán presentes outros artesáns grazas á colaboración de Artesanía de Galicia.
O festival mantén asemade o seu compromiso coa música tradicional apostando este ano por unha homenaxe a Antón Corral cun concerto que ofrecerán o sábado ás 21.30h Ramón Corral e Anxo Pintos. Este último explicaba que que Antón Corral é unha das figuras claves para entender a música tradicional. Engadía que “toca en Tui é regresar á infancia”, xa que aquí pasou a súa nenez e destacou que Música no Claustro “auna continente e contido”.
Sem comentários:
Enviar um comentário