Tui acolle por terceiro ano consecutivo o Campus de Tecnificación Joe Arlauckas organizado polo C.B. Tui, que está chamado a converterse nos próximos anos nun referente nacional e tamén a nivel internacional. Así o expuña hoxe o propio Joe Arlauckas na presentación desta actividade realizada na Casa do Concello de Tui.
O acto contou coa presenza do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, de Sindo Bargiela en representación do C.B. Tui, así coma Joe Arlauckas, exxogador da NBA e da ACB, Fj Martín, exxogador da ACB e ADECCO Oro, e Marta Zurro, 55 veces internacional coa Selección Española de Baloncesto e actual fisioterapeuta.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, amosou o seu compromiso para apoiar este Campus de Tecnificación, agradecendo aos organizadores que sitúen a Tui no mapa do deporte. Afirmaba amais o rexedor que na cidade se contan cos ingredientes para seguir crecendo. Mentres o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, afirmou que este é un dos eventos deportivos máis importantes que se celebran en Tui ao longo do ano.
Joe Arlauckas, exxogador de Sacramento Kings da NBA e do Real Madrid na ACB, destacou coma dos cinco campus nos que leva participado este verán o de Tui “é especial e diferente” e amosou o seu desexo de que “este campus sexa un referente en España e Europa” afirmando que “en dous ou tres anos pode ser o campus máis importante a nivel nacional”. Ese, dicía, é o soño que ten para esta iniciativa, na que aspira poder acoller a un centenar de xogadores en vindeiras edicións, dado o gran interese que está a espertar. No mesmo senso pronunciouse Fj Martín, explicando que a idea “é montar o proxecto entorno aos xogadores profesionais que acoden a esta cita”. Para facer realidade este obxectivo sinalou que “necesitamos seguir crecendo” e afirmou que “a nosa predisposición é máxima”. Nese senso expuxo que “queremos ter un proxecto sólido no que esteamos todos. Temos os contactos, contamos coas instalacións e a xente quere vir aquí”.
Marta Zurro, 55 veces internacional coa Selección Española de Baloncesto e actual fisioterapeuta, insistiu na experiencia que os xogadores viven neste campus no que “melloran táctica, técnica e persoalmente coma deportistas”. Apuntou tamén que a celebración desta actividade en Tui “ten unhas posibilidades inmensas”.
Sindo Bargiela en representación do C.B. Tui salientou a gran aposta que a directiva do Club Baloncesto aui fai por esta actividade, agradecendo tanto a implicación do Concello coma das casas comerciais que lles brindaron este ano unha resposta magnífica.
O Campus de Tecnificación Joe Arlauckas estase a celebrar dende este luns, 21 de xullo, e ata este sábado día 26 nas instalacións dos dous pavillóns municipais de Tui contando coa participación de 31 xogadores maiores de 15 anos de distintos equipos españois, dos que algúns xa debutaron na ACB. Tamén participan xogadores de Portugal.
Sem comentários:
Enviar um comentário