A música é un dos pratos fortes que ten a programación cultural para os meses de xullo, agosto e setembro elaborada pola Concellería de Cultura do Concello Tui, que xunto a programación de Outono vén recollida nun novo número da Axenda Cultural Corredoira.
Un orzamento superior aos 100 mil euros, dos que o concello aporta o 35% de fondos propios permitirá gozar de espectáculos variados e de calidade en espazos coma o Teatro Municipal, a Praza de San Fernando, o Parque do Laxal, a Catedral de Tui ou o río Miño entre outros.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, xunto á concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, a directora do IKFEM, Andrea Rodríguez, un membro da organización da Noite Internacional do Miño, Alfonso González, o director da Banda de Música Popular de Tui, Adolfo Besada, e a deseñadora Mar Coca presentaron esta mañá o programa cultural do segundo semestre de 2014.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salientou a importancia de sumar sinerxías para elaborar unha programación variada e de calidade coma a que se presenta, detrás da que dicía hai moitas horas de traballo para fixar os días, lugares e espectáculos a celebrar. Animaba ao público a gozar dos espectáculos programados, e salientaba que o investimento que se realiza redunda tamén en todo o tecido empresarial de Tui.
A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, explicou que do número 28 da Corredoira se editaron 15 mil exemplares que serán distribuídos tanto en Tui coma en Valença. Unha programación que se difundirá tamén ao través das web www.concellotui.org e www.cuturatui.info, en valos no exterior da Área Panorámica, así coma do Servizo de Información ao público. O Concello aporta 34 mil euros de fondos propios para esta programación, un 21% menos que en 2013. Agradecía tamén a colaboración doutras institucións coma a Deputación e a Xunta de Galicia que coa súa aportación permiten un ano máis levar a cabo esta ampla programación orzamentada en 100 mil euros.
Mar Coca, responsable do deseño da Axenda Cultural Corredoira, destacou que o obxectivo era que fose unha axenda clara, coa información ben organizada e doada de entender. O amarelo foi o color elixido para o verán e o laranxa para o outono. Mentres nas portadas sinalou que optou por dous elementos circulares luminosos, o sol para a época estival, e o rosetón da Área Panorámica para a outonal.
Andrea González, directora do IKFEM, salientou coma nesta segunda edición o festival ofrecerá do 18 ao 26 de xullo a posibilidade de construír un itinerario musical con concertos, obradoiros e masterclases. Serán nove espazos da Eurocidade os que acollan as actividades previstas con workshops diarios e gratuítos ás 19h e concertos ás 22h. Unha trintena de alumnos de China, Rusia, Lituania ou España asistirán ás Masterclasses programadas duplicando a participación de 2013.
Alfonso González, da organización da Noite Internacional do Miño, explicaba que este ano van celebrar no Parque do Laxal a décimo quinta edición dun festival folclórico no que se darán cita grupos de Arxentina, África do Sur, Turquía e Ecuador. Máis dun centenar de artistas estarán sobre o escenario para facer disfrutar ao milleiro de persoas que cada acode a esta cita.
A máis veterana das actividades que se celebran é o Festival de Bandas de Música que chega este ano a súa vixésima terceira edición. Faino amais sumándose a unión entre as dúas beiras do Miño tendo coma banda convidada a da Casa do Povo de Tangil de Monçao que actuará xunto á Banda de Música Popular de Tui. O seu director Adolfo Besada explicou coma neste evento buscan demostrar o traballo que a agrupación realiza ao longo do ano, mellorando en cada edición e non repetindo repertorio.
Na programación do verán a primeira cita será co II Festival Internacional de Tecla da Eurocidade que se celebra do 18 ao 26 de xullo. O martes 29 ás 21.30h no Parque do Laxal, en Rebordáns, terá lugar a XV Noite Internacional do Miño. Abrirá a programación de agosto, o día 1, o XXIII Festival de Bandas de Música de Tui. Mentres do 6 ao 10 do mesmo mes celebrarse a décima edición de Música no Claustro. Serán catro as películas de cinema de animación que se proxectarán na Praza de San Fernando: "Monster University" o xoves 24 de xullo, "Brave" o sábado 2 de agosto, "Los Croods" o xoves 14 de agosto, e "Frozen" o sábado 30 de agosto. A cita será sempre ás 22.30h. A programación estival complétase con dous festexos, a IV Festa do Miño o sábado 16 de agosto, e a III Festa do Pracer "Vive o Conxunto Histórico" o domingo 14 de setembro.
A programación de outono, que terá lugar no Teatro Municipal, consta de 10 espectáculos tanto para público infantil coma adulto, con música, teatro, humor e cinema.
Sem comentários:
Enviar um comentário