O Club Xistra de Vigo, en colaboración co Concello de Tui, organizará este domingo 7 de xuño, a última proba do II Open de Andainas de 25 quilómetros, que sairá ás 9 da mañá, dende o pavillón deportivo da Macoca, en Pazos de Reis.
Esta proba en Tui pechará a segunda edición do Open de Andainas de 25 km, que xa disputou tres andainas nos Montes de Vigo, Gondomar e Pontevedra, cunha participación de cento quince deportistas.
O trazado circular partirá dende o Pavillón da Macoca, subindo ata o Castro do Alto dos Cubos. Logo os participantes baixarán cara ós muíños de Tripes e logo ascenderán ata a senda botánica e o Centro de Interpretación do Parque. A continuación, bordeando o Facho chegará a Prado e pasará pola Pedra do Acordo. A última ascensión será ata a Capela de San Xulián no Monte Aloia, para descender, finalmente polo Rego de Pedra e retornar ó Pavillón da Macoca.
A apertura do control será ás 9 da mañá e pecharase cinco minutos despois. Ao finalizar a carreira, os participantes deberán pasar polo punto de control, que se abrirá ás 13h e se pechará ás 15.05h.
Dende a organización explican que a andaina pretende que os participantes fagan o percorrido dunha maneira regular, e premiarase a aqueles que en todos os controis realicen o percorrido nun tempo similar. En Tui entregaranse os trofeos dos máis regulares da competición e tamén aos gañadores das outras tres probas xa disputadas.
As inscricións poderán realizarse a través da páxina web http://xistra.org/copaandainas25/ ou chamando ao número de teléfono 886.117.011, cun prezo de 10€. Dende Xistra recomendan que os participantes usen calzado de monte, nunca zapatillas de cancha. Apuntan que si permiten o uso de bastóns. Esta Andaina non é aconsellable para nenos pequenos.
Sem comentários:
Enviar um comentário