A vella Ponte Internacional que une Tui e Valença foi esta mañá o escenario dun acto organizado cun triplo motivo. Por unha banda celebrouse o Día Mundial da Auga e facer unha chamada de atención sobre a súa importancia e conservación, por outra conmemorar o 131 aniversario desta infraestrutura así coma o quinto da constitución da Eurocidade Tui-Valença. Os protagonistas foron un millar de escolares de Infantil e Primaria dos centros educativos de Tui e Valença que deron o primeiro “Abrazo ao río” coma figuraba nas camisetas de cor azul que todos levaban. Estiveron presentes o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Ensino, María José González, os concelleiros de Patrimonio, Carmen Núñez, e de Medio Ambiente, José Martínez Tato, e a vereadora de Educación de Valença, Elisabete Domingues.
Ambas delegacións atopáronse no medio da ponte onde soou unha canción sobre o río, que os cativos interpretaron de xeito conxunto, e por parte da EB de Valença fixeron entrega á concelleira de Cultura, María José González, dunha “trapicheira”. Como remate tivo lugar a solta simbólica de 131 pombas.
A Vella Ponte Internacional supuxo un fito histórico nas relacións entre as poboacións que hoxe celebran a súa cooperación internacional coa Eurocidade Tui-Valença. Erixida coma unha das maiores obras de enxeñería da época, a ponte foi proxectada polo enxeñeiro Pleayo Mancebo y Agreda e inaugurada oficialmente o 25 de marzo de 1885, substituíndo as barcazas que servían para comunicar as dúas beiras do Miño. Na súa construción empregáronse máis de 1.500 toneladas de ferro e a pedra dos piares chegou dende de Lanhelas, Portugal.
Pero sen dúbida, a súa maior singularidade é a de estar concibida para un triplo uso: peonil, rodado e de ferrocarril, uso que aínda hoxe mantén. Aínda que coa construción da nova Ponte Internacional perdeu tráfico rodado, hoxe é o camiño natural de unión da poboación da Eurocidade.
Sem comentários:
Enviar um comentário