O Concello de Tui e a Consellería de Educación, ao través da xefatura territorial, acometeron distintas obras de mellora no CEIP de Randufe durante os últimos meses.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o xefe territorial de Educación, César Pérez, a concelleira de Educación de Tui, Vanesa Rodríguez, os concelleiros Olga Montes e José Ángel Villaverde, o director do centro Ricardo Alonso, e membros da ANPA visitaron esta mañá as obras acometidas.
Un dos principais traballos realizados foi o cambio da cuberta do patio exterior que estaban en mal estado. Amais foron divididas dúas aulas ante o desdobre previsto de dous cursos ao superar os 25 alumnos. Estas obras foron asumidas pola Consellería de Educación, ao través da xefatura territorial, quen amais concedeu 5 mil euros para axudar a sufragar outros traballos acometidos polo Concello de Tui coma o arranxo dos baños. Tamén coa colaboración da Comunidade de Montes de Randufe e do equipo de fútbol sala da parroquia, Randufesal, foi pintada a pista do pavillón de deportes e arranxados os vestiarios, dotándoos de sanitarios e conectándoos á rede de saneamento.
Tras a visita o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, destacou a boa disposición da comunidade educativa e da ANPA na realización destas obras para mellorar a calidade das instalacións.
O delegado provincial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, destacou que no Baixo Miño este ano investíronse máis de 200 mil euros nos centros educativos dos cinco concellos. Ao tempo agradecía a colaboración dos concellos nas labores de mantemento e mellora.
Pola súa parte o xefe territorial de Educación, César Pérez, insistiu na colaboración existente entre as diferentes administración que permitiron facer moitas obras en beneficio do ensino público.
O director do CEIP de Randufe, Ricardo Alonso, valorou positivamente os traballos realizados, salientando que algunhas obras eran precisas polo aumento de matrícula e outras eran reformas que se viñan demandando dende hai anos. Amais aproveitou a presenza do xefe territorial de Educación para solicitarlle a concesión dun profesor máis especialista en Audición e Linguaxe para atender aos máis de 40 alumnos con necesidades especiais matriculados no centro. Dende a ANPA do colexio pola súa parte solicitaron o asfaltado dos accesos tanto ao colexio coma ao pavillón de deportes.
Sem comentários:
Enviar um comentário