O triatleta tudense Gustavo Rodríguez acadou a pasada fin de semana o sexto posto no Campionato do Mundo de Triatlón de longa distancia, disputado na localidade china de Weihai.
Gustavo Rodríguez, que participaba neste campionato por primeira vez, tivo que percorrer catro quilómetros nadando, cento vinte quilómetros en bicicleta e vinte quilómetros de carreira a pé, demostrando que está a un altísimo nivel e rematando entre os mellores da élite mundial. O seu tempo final foi de cinco horas, vinte e un minutos e cincuenta e tres segundos.
Por outra parte no Campionato do Mundo de Tiro Olímpico, a tudense Susana Fontán rematou a súa participación na final mundial no posto vixésimo oitavo, cunha marca de 572 puntos, que aínda lonxe dos mellores postos, foi un magnífico resultado para a deportista de Tui.
E no mundo do piragüismo, tres padeeiros do Club Kaiak Tudense emprenderon onte o seu viaxe cara a cidade americana de Oklahoma, onde disputarán o Campionato do Mundo de Maratón, que se disputará esta fin de semana. Iván Alonso, Óscar Graña e Ramón Ferro, intentarán revalidar os títulos de Campións do Mundo acadados no ano pasado en Copenhague.
O Concello de Tui felicita a Gustavo Rodríguez e Susana Fontán polos magníficos resultados acadados nos Campionatos do Mundo, e desexa os mellores éxitos aos padeeiros do Club Kaiak Tudense na súa cita mundial.
Sem comentários:
Enviar um comentário