A Praza de Abastos de Tui vai ser obxecto de obras de mellora cun orzamento de 199.999,45€ dos que o 75% serán aportados pola Xunta de Galicia ao través da Consellería de Economía e Industria, e o 25% restante polo propio Concello de Tui.
O proxecto denominado “Reordenación interior, mellora das instalacións e da accesibilidade da Praza de Abastos Municipal de Tui” ten por obxectivo a mellora dos accesos e da accesibilidade deste espazo así coma do arranxo da rede de saneamento interior e da superficie do chan. Tamén se procederá á reordenar os postos.
Así por unha parte repoñerase integramente a rede de saneamento interior e se levantará e reporá o pavimento coas pendentes axeitadas e cunha superficie antiesvarante. Por outra banda levarase a cabo unha reordenación do funcionamento interior da praza, xerando un espazo central de postos abertos e recolocando os postos pechados nos laterais deste espazo, co que o resultado será un espazo máis aberto. Na fachada principal instalaranse portas corta ventos dende o exterior e os accesos da fachada traseira quedarán para o único uso de carga e descarga e saída de emerxencia. Tamén está prevista a adecuación dos baños á normativa de accesibilidade.
Amais destas obras tamén se vai realizar unha acción de asesoramento formación en Mentoring Comercial aos praceiros cun importe de 2.400 euros.
Con estas actuacións o Concello de Tui, coa colaboración da Xunta de Galicia, persegue a revitalización do mercado municipal, levando a cabo obras que melloren as condicións de traballo dos praceiros así coma da vendas dos produtos. Amais búscase a dinamización da Praza de Abastos para captar novos clientes nunha aposta polo comercio de proximidade.
Sem comentários:
Enviar um comentário