As actividades de Patinaxe, balonmán e fútbol contarán con máis de 400 nenos e nenas practicando estas modalidades deportivas
Maña mércores, 1 de outubro, iniciaranse as escolas deportivas da Deputación de Pontevedra no Concello de Tui, que como en edicións anteriores, contarán coas modalidades de balonmán, patinaxe e fútbol.
Despois do periodo de inscrición, ao redor de 400 nenos e nenas, de entre 5 a 15 anos, realizarán estas actividades nas instalacións deportivas municipais, dende outubro a maio de 2015, baixo a supervisión dos monitores dos clubes tudenses.
No caso do patinaxe, máis de 150 nenos e nenas realizarán a actividade no pavillón do IES San Paio, os luns ou mércores, cos monitores do Club Ribex de Tui, que por segundo ano coordinarán a actividade, xunto á Federación Galega de Patinaxe e o Concello de Tui.
En canto ao balonmán, serán os monitores do Club Balonmán Tui, coordinados pola Federación Galega de Balonmán e o Concello de Tui, os que levarán a cabo a actividade nas instalacións deportivas municipais e nos pavillóns dos colexios tudenses, onde adestrarán ao redor de 200 nenos e nenas.
E por último, os inscritos no deporte do fútbol, realizarán a actividade no campo municipal de Ribadelouro, baixo a supervisión dos monitores do Club Deportivo Ribadelouro, e coordinados pola Federación Galega de Fútbol e o Concello de Tui.
O alcalde de Tui e deputado provincial, Moisés Rodríguez, salienta a aposta que a Deputación de Pontevedra realiza ao través das Escolas Deportivas polo deporte de base, promovendo así hábitos saudables na poboación máis nova. O rexedor tudense destaca amais que estas actividades se realizan nas instalacións deportivas municipais coa colaboración de clubs locais que levan a cabo un gran traballo na promoción do deporte, e lembra que a participación nestas escolas é gratuíta.
Sem comentários:
Enviar um comentário