O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, asistiu esta mañá á sinatura dun convenio de colaboración entre a Cámara de Comercio de Tui e a Asociación Empresarial de Celaya, que tivo lugar na sede da entidade cameral. O acto contou coa presenza do presidente da Cámara, Gumersindo Alonso, o director xeral do Igape, Javier Aguilera, o presidente da CEG, José Manuel Fernández, así coma o alcalde de Celaya, Ismael Pérez, e o presidente da Asociación Empresarial de Celaya, Enrique Jiménez.
O alcalde de Tui deu a benvida á cidade ao grupo de empresarios mexicanos de distintos sectores que están a participar nesta misión empresarial. Ao tempo explicoulles coma Tui e Valença forman unha Eurocidade, salientando que os dous municipios iniciaron unha dinámica de traballo copiada do espírito empresarial pola que están a compartir servizos. Ao tempo salientou a situación estratéxica que ten a Eurocidade no corazón do eixo atlántico e con boas comunicacións tanto con Galicia coma no Norte de Portugal. O mandatario tudense sinalou amais que “ten que haber unha simbiose entre empresarios e administración para saír da crise e traballar todos na mesma dirección”, engadindo que “os empresarios sodes os verdadeiros artífices á hora de crear emprego”, convidando aos participantes na misión mexicana a investir en Galicia.
Felicitou á Cámara de Comercio á Asociación de Empresarios de Celaya pola sinatura do convenio que agarda sexa moi exitoso para as dúas partes.
Sem comentários:
Enviar um comentário