As actuacións localízanse na Ponte Internacional, no aparcadoiro da Área Panorámica, na praia de Guillarei e no paseo fluvial
O Concello de Tui está a acometer diversas obras de adecuación e mantemento en varios puntos do casco urbano e no rural. Deste xeito, levouse a cabo a limpeza e o desbroce na zona próxima á Ponte Internacional, punto de entrada do Camiño de Santiago e na área da Ponte Romana. Tamén se acondicionou a estrada que dá acceso á praia fluvial de Guillarei.
Por outra banda, mañá comezarán dende ás 7h as obras de adecuación do aparcadoiro na parte traseira da Área Panorámica. Esta actuación, que se prolongará ó longo do día, realizarase con maquinaria da mancomunidade.
No referente ás obras de acondicionamento da tarima do paseo fluvial, levarase adiante unha inspección para coñecer a realidade do saneamento no Tramo 1, o máis próximo ó edificio do Club Náutico, que presentaba afundimentos, e que impedía contar cunha base o suficientemente firme para a colocación da tarima. A dita inspección farase introducindo cámaras a través das canalizacións. Finalmente, unha vez se teña a valoración definitiva, procederase a realizar as obras que permitan continuar co proxecto de arranxo do paseo fluvial.
Sem comentários:
Enviar um comentário