Iván Alonso, Ramón Ferro e Óscar Graña acadaron preseas nas súas probas
A pasada fin de semana celebrouse o Campionato de Europa de Maratón de Piragüismo, na localidade eslovena de Bohinj, onde os representantes do Club Kaiak Tudense acadaron uns excelentes resultados.
Así, o padeeiro tudense Iván Alonso, participou o sábado na competición K1, obtendo a medalla de prata, por detrás do seu rival portugués Luis Ramalho, nunha regata moi disputada, que se resolveu no último porteo. Na xornada do domingo, xunto ao seu compañeiro Emilio Merchán, competiu na categoría K2, revalidando o título de Campión de Europa, por diante dos húngaros Adrián Boros e Laszlo Solti, e dos españois Álvaro Fernández e Walter Bouzán.
Óscar Graña e Ramón Ferro, competiron neste campionato na modalidade C2, mantendo as opcións do ouro ata os últimos metros, no seu duelo cos húngaros Adán Dcoze e Marton Kuver, acadando na liña de meta a medalla de prata.
O tudense Manuel Garrido acadou a cuarta posición na súa proba de C1, quedando a tan só un posto de medalla, e Rubén Dasilva obtivo a sexta posición na categoría de C1 júnior.
O Concello de Tui felicita a Iván Alonso, Ramón Ferro, Óscar Graña, Manuel Garrido e Rubén Dasilva, así como aos responsables técnicos e directivos do Club Kaiak Tudense, polos magníficos resultados acadados neste Campionato de Europa.
Sem comentários:
Enviar um comentário