sábado, 12 de março de 2016

TUI INICIA ESTE DOMINGO A SEMANA SANTA COA LECTURA DO PREGÓN

Correrá a cargo do Reitor do Seminario tudense, D. Fernando Cerezo García
A Asociación de Amigos da Catedral de Tui xunto co Cabido desta Catedral organiza o vindeiro domingo 13 de marzo o acto de apertura das celebracións da Semana Santa na cidade fronteiriza co lectura do pregón que correrá este ano a cargo do Reitor do Seminario Menor "San Paio" da nosa cidade, D. Fernando Cerezo García.
O acto comezará ás 18.00 horas na Capela de San Telmo na propia Catedral de Tui. A lectura do pregón como acto de apertura da Semana Santa tudense foi impulsado pola Asociación Amigos da Catedral de Tui hai xa varios anos. Teñen pronunciado este pregón profesores como Marta Cendón Fernández ou Domingo González Lopo ou os sacerdotes Alberto Cuevas Fernández ou José Dieguez Dieppa, actual Deán da Catedral tudense, que o realizou o pasado ano.
Fernando Cerezo García natural de Vigo, tras estudiar no Seminrio Maior de Vigo acadou a licenciatura en Teoloxía Dogmática na Universidade Gregoriana de Roma. Tras diversos destinos pastorais é, na actualidade, o Reitor do Seminario tudense, unha entidade que dende a súa fundación en 1850 participa intensamente na vida local. Unha última etapa, baixo a súa dirección, foi a creación dun centro educativo aberto non xa aos propios seminaristas senón aos rapaces e mozos da nosa diocese. É tamén profesor no Seminario Maior, director espiritual-consiliario de ANFE na diocese e capellán das Clarisas de Tui. Tamén cos formadoresmdo Seminario tudense se encarga da atención pastoral das parroquias de Santa María da Guía - Randufe e Santiago de Malvas.
A Asociación de Amigos da Catedral de Tui, xuntamente co Cabido Catedral e coa "Hermandad del Dulce Nombre de Jesús y Santa Casa de Misericordia" contando coa colaboración do Concello de Tui, impulsan, logo da favorable acollida dos anos anteriores, a celebración deste pregón da Semana Santa tudense co obxectivo de promover e valorizar as celebracións desta xornadas na nosa cidade e servir como anuncio e apertura dos actos litúrxicos destas tradicionais celebracións tudenses.
O propósito das entidades organizadoras é contribuír á promocións dos actos litúrxicos e, nomeadamente, as procesións e outros elementos que identifican, dende hai séculos, a Semana Santa tudense. Estes actos reúnen xuntos aos desfiles procesionais outros elementos paralitúrxicos ou parateatrais de fonda tradición na nosa cidade, como é a horta das Oliveiras ou os sermóns do Encontro e o Desencravo. Certamente estes aspectos resultan os máis singulares da Semana Santa tudense que unidos aos desfiles procesionais, onde saen singulares tallas -salientando a popular Dolorosa de Agustín Querol- e ao excepcional marco destes cortexos polas vellas rúas do conxunto histórico converten á Semana Santa tudense nun excepcional acontecemento que une fe, arte e cultura.
A fundamental dimensión relixiosa destas tradicións da Semana Santa non reduce as dimensións culturais e mesmo turísticas que posúen estas seculares costumes que cómpre conservar como testemuña dunha historia e como identificadoras da vida da nosa cidade.
in Infomiño

Sem comentários:

Enviar um comentário