O Concello de Tui informa que o próximo 1 de novembro porase de novo en servizo a zona azul co que no centro urbano haberá un centenar de prazas con estacionamento gratuíto limitado durante hora e media coma máximo. Será nas rúas Augusto González Besada, Foxo, Rosa Bahamonde, Travesía Foxo e Calvo Sotelo.
Os condutores que estacionen nestas rúas deberán colocar o reloxo indicativo coa hora de chegada, que poderán obter na tesourería na casa do concello por 0,60€, sendo tamén válido o reloxo de calquera outra zona azul. A Policía Local vixiará esta zona para garantir o cumprimento do tempo limitado de estacionamento. Con esta medida búscase que poida haber nestas cinco rúas rotación nos vehículos de tal xeito sexa máis doado atopar estacionamento para as persoas que desexen ir de compras, facer xestións, ou trámites, dando resposta a unha vella demanda do comercio tudense.
Dende o Concello de Tui lémbrase amais que no centro urbano existen outras zonas de estacionamento sen límite de tempo coma o aparcamento municipal na traseira da Área Panorámica, e os habilitados na rúa Irmáns Maristas, A Guarda e Coengo Valiño.
Por outra parte dende o Concello de Tui advirten que a policía local sancionará aos vehículos que no final da rúa Foxo e no inicio de Rosa Bahamonde estean estacionados na zona pintada con liña amarela, xa que existe a prohibición de aparcar nestes lugares. Igualmente serán sancionados os coches que non respecten a dirección prohibida que hai meses entrou en vigor na coñecida coma “Baixada ao casino” entre Calvo Sotelo e a Avenida da Concordia. Esta semana, tras rexistrarse un pequeno accidente no lugar a Policía Local sancionou xa a oito vehículos por esta infracción grave con 200€.
Sem comentários:
Enviar um comentário