Pór en valor a cidade histórica de Tui, sinalizar os distintos monumentos e edificios destacados, e servir de indicación para acceder aos puntos de interese son tres dos obxectivos da nova sinalización instalada no conxunto histórico polo Concello de Tui cunha achega do 42% do importe total pola Axencia de Turismo de Galicia. Hoxe a súa directora, Nava Castro, canda ao xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, coñeceron in situ a execución deste proxecto acompañados polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Patrimonio, Carmen Núñez e outros membros da corporación municipal.
Nunha visita guiada polo historiador tudense, Suso Vila, coñeceron o contido e formato da sinalización instalada. Dende a Porta da Pía achegáronse ata a Praza de San Fernando, e as rúa Sanz, onde está o cárcere vello, e rúa San Telmo... Tamén puideron visitar o patio de Salomón, que forma parte da ruta xudía da cidade, sendo o único destas características que se conserva en Galicia.
Dende o goberno municipal agradeceron a Nava Castro a achega do seu departamento para levar a cabo este proxecto no que se tiveron en conta as especiais características da cidade histórica partindo coma premisas do respecto e integración no lugar. A concelleira de Patrimonio, Carmen Núñez, explicou amais a intención do goberno de estender esta sinalización a outros lugares do termo municipal, tanto no casco urbano coma nas parroquias. Pero tamén se fixo un chamamento á colaboración cidadá no respecto dos sinais colocados xa que varios deles teñen sido obxecto de actos vandálicos na fin de semana, o último deles o da Catedral na Praza de San Fernando.
Pola súa parte o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu tamén á Nava Castro a colaboración do seu departamento na execución deste proxecto. Aproveitou amais o rexedor para demandar da directora xeral de Turismo, Nava Castro, e do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, atención sobre o camiño de Santiago ao seu paso pola cidade e por Valença. Ao tempo que plantexou á administración autonómica estudar a fórmula para implicarse na restauración ou cando menos en medidas mínimas de conservación para o Teatro Principal.
Características da sinalización
Instaláronse tres tipos de elementos: sinais interpretativos, sinais direccionais e sinais identificativos. En función do lugar onde foron colocados optouse por un panel vertical, unha placa ou un sinal urbano. Os sinais interpretativos, que recollen unha descrición histórica e información direccional de recursos, están situadas na Porta da Pía, ou na rúa Sanz, punto de paso do Camiño de Santiago. Mentres os sinais direccionais recollen a dirección e o tempo aproximado ao que se sitúa un recurso turístico, coma pode ser a Catedral, o Albergue de Peregrinos ou a Oficina Municipal de Turismo. O terceiro tipo de sinal, os identificativos, ofrecen unha descrición histórica do monumento ou emprazamento, ampliable a través da plataforma dixital. A Catedral de Santa María, o Convento das Clarisas, as igrexas de San Domingos, San Bartolomeu ou San Francisco, a muralla medieval, o palco da música, os xardíns de Troncoso, ou as prazas de Fromista, da Armada, ou da Estrela son so unha parte dos elementos sinalados.
Os sinais constan dunha placa metálica lacada ao forno co texto troquelado e baleirado na mesma placa. A rotulación da información realizouse en vinilo de alta calidade ofrecéndose en tres idiomas – galego, castelán e inglés – e incorporando o símbolo NFC e un código QR, que a través dos teléfonos móbiles intelixentes, permite o acceso á plataforma dixital para ampliar a información.
Amais da sinalización física púxose en marcha unha plataforma dixital, turismotui.mobi, á que dan acceso tanto o NFC coma os códigos QR instalados na sinalización, onde se amplía a información sobre cada recurso con novos textos, fotografías, audioguías e vídeos, así coma localizándoos no mapa. Deste xeito ao través da plataforma é doado realizar unha visita guiada da cidade histórica de Tui seguindo esta información cun teléfono móbil intelixente. Esta plataforma permite tamén ir ampliando a información existente tanto en textos coma en imaxes, vídeos ou sons, e a creación de novos recursos non incorporados neste momento.
Sem comentários:
Enviar um comentário