Haberá tamén unha conferencia sobre a indumentaria tradicional polo investigador Rafael González Goianes ás 20 h.
O vindeiro venres, 15 de abril, o edificio Área Panorámica acolle a inauguración dunha exposición sobre o traxe tradicional tudense organizada pola Asociación Xuvenil e Cultura do Traxe Tradicional de Tui coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Tui.
Nesta mostra figura unha das escasas pezas históricas sobre o traxe de gala tudense cedido polo Museo das Mariñas de Betanzos, e que forma parte da colección do antigo Ballet Rey de Viana, propiedade da Deputación da Coruña. É un taxe datable no século XIX e que amosa as principais características desta peza tradicional no noso concello.
Previamente a inauguración desta mostra o investigador etnográfico Rafael González Goianés pronunciará unha conferencia sobre a indumentaria tradicional galega e o proceso de conservación e recuperación destas pezas tradicionais da roupa das xentes de Galicia. Esta conferencia dará comezo ás 20,00 horas na Sala Félix Rodríguez, no propio edificio da Área Panorámica tudense.
Para os responsables da Asociación do Traxe Tradicional de Tui “esta exposición, ao igual que a nosa asociación, intentan manter vivo o espírito do traxe tradicional, acompañante dos homes o das mulleres da nosa terra dende hai séculos”.
O Concelleiro de Cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, agradece a iniciativa desta asociación que promove deste xeito o coñecemento da historia desta indumentaria tudense que cada ano con máis forza podemos contemplar na nosa cidade nas festas de San Telmo. O difusión deste traxe que forma parte da historia do noso concello é un xeito de recuperar e revitalizar o noso patrimonio cultural, tarefa na que esta Concellería ven traballando nos últimos anos con diversas actividades e iniciativas, como, por exemplo, as Xornadas de Patrimonio, etc.
Sem comentários:
Enviar um comentário