sexta-feira, 9 de setembro de 2011

3466 PEREGRINOS INICIARON EN XULLO E AGOSTO O CAMIÑO DE SANTIAGO EN TUI


Nos meses de verán continuou apreciándose un notable incremento de peregrinos que percorren o Camiño Portugués a Compostela escollendo a cidade de Tui como lugar de inicio da súa peregrinación. Segundo os datos da Oficina de Acollida aos Peregrinos da Arquidiocese de Santiago un total de 3.466 peregrinos iniciaron nos meses de xullo e agosto na nosa cidade o seu itinerario, e 7.424 peregrinos realizaron o Camiño Portugués que ten en Tui a súa porta de entrada en Galicia.
Nestes mesmos meses o Albergue de Peregrinos da S A de Xestión do Plan Xacobeo acolleu nas súas dependencias un total de 1.804 peregrinos o que representa un notable incremento verbo dos 1.490 acollidos nos meses de xullo de agosto do pasado ano 2010, que lembremos era Ano Santo Compostelán. Ademais foi preciso empregar en varias xornadas o albergue temporal de peregrinos do Concello de Tui, que acolleu no mes de agosto a cerca de 90 peregrinos que xa non tiña cabida no albergue oficial do Xacobeo.
Da análise dos datos reflectidos podemos comprobar como se consolida a presenza de peregrinos na nosa cidade. A súa procedencia é especialmente de países europeos, salientando no verán un número notable de alemáns, franceses, italianos e portugueses xunto con españois. Un auténtico crisol de nacionalidades que percorren este roteiro de peregrinación que ten en Tui a súa porta de entrada en Galicia.
Para a concelleira responsable de Turismo e do Camiño de Santiago, Raquel Lorenzo Pimentel, estes datos amosan a vitalidade que segue suscitando este itinerario de peregrinación consolidado xa como a alternativa ao Camiño francés, pois Tui é sempre o primeiro lugar elixido polos peregrinos para iniciar a peregrinación fóra do camiño francés. A concelleira apunta como o apoio aos peregrinos é unha das estratexias nas que traballa o Concello de Tui para a promoción turística da cidade e para a valorización dos seus elementos patrimoniais dos que forma parte o Camiño de Santiago ao seu paso pola nosa cidade.
Raquel Lorenzo sinala o mantemento que o persoal municipal realiza do trazado do camiño de xeito permanente, contando cunha brigada ao abeiro dos programas de cooperación que financia a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. Tamén o Centro de Interpretación “Tui, porta do camiño portugués” segue aberto ao público diariamente en horario de mañá e tarde para ofrecer aos peregrinos e aos turistas en xeral a información máis relevante sobre o Camiño Portugués e as súas pegadas na historia e no patrimonio de Tui.

Sem comentários:

Enviar um comentário