terça-feira, 13 de setembro de 2011

O ALCALDE DE TUI VALORA POSITIVAMENTE O ENCONTRO DE ONTE EN VIANA PARA RECLAMAR A MODERNIZACIÓN DA LIÑA FERREA



O Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, participou no día de onte, xunto con outros 22 representantes dos municipios da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, dos empresarios, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Comisión de Coordinación e Desenvolvemento da Rexión Norte (CCDRN), na sinatura dunha declaración pola que reclaman aos Gobernos de España e de Portugal a continuidade da liña ferroviaria entre Porto e Vigo e a súa modernización para resulte positivo.
Na súa intervención nesta xuntanza, convocada polo Presidente da Cámara Municipal de Viana e o Eixo Atlántico, Moisés Rodríguez apuntou como foron os municipios de Valença e Tui os primeiros en pronunciarse a finais do pasado mes de xuño en contra da supresión anunciada do servizo ferroviario reclamando a súa mellora. Incidiu o alcalde tudense na necesidade de mellorar a mobilidade transfronteiriza amosando o seu apoio á continuidade la liña de ferry entre Caminha e A Guarda. Rematou Rodríguez Pérez as súas palabras agradecendo a iniciativa do Presidente da Cámara de Viana e da Secretaria Xeral do Eixo Atlántico e a participación unánime dos representantes territoriais afectados a prol de garantir a continuidade desta conexión ferroviaria entre Galicia e o Norte de Portugal.
Por outra banda, o Concello tudense segue reclamando a continuidade da comunicación ferroviaria entre Valença e Tui tanto diante de Renfe e de Comboios de Portugal como do Ministerio de Fomento e da Secretaria de Estado de Transportes de Portugal, solicitando que estas entidades garantan a continuidade deste enlace logo do 30 de setembro, como unha primeira medida da aposta de todos pola modernización desta liña que facilite a mobilidade e cohesión desta Eurorrexión con máis de dous millóns de habitantes. Neste sentido ten escrito o Alcalde tudense no día de hoxe tanto aos responsables de Renfe como de Comboios de Portugal e os respectivos ministerios de España e Portugal. Cabe lembrar que a fronteira entre Valença e Tui é a primeira entre España e Portugal en número de circulación de vehículos e a terceira en tráfico de mercancías, o que testemuña o seu carácter estratéxico e a potencialidade que posúe para unha liña férrea moderna e competitiva.

Sem comentários:

Enviar um comentário