O Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, proporá proximamente ao Pleno da Corporación Municipal tudense á concesión dunha medalla de honra do Concello de Tui ás congregacións relixiosas que celebran nestas datas o centenario da súa presenza na nosa cidade.
En concreto esta fin de semana as Relixiosas Doroteas e as Irmás Franciscanas Hospitaleiras conmemoran, con senllos actos litúrxicos o sábado 24 e o domingo 25 de setembro respectivamente, o centenario da súa chegada á nosa cidade procedentes de Portugal.
Con este motivo o Alcalde tudense acudiu onte a visitar os conventos de ambas congregacións para transmitirlle a ambas comunidades relixiosas a súa felicitacións por este aniversario e o agradecemento, en nome de todos os veciños de Tui, pola súa achega á vida da nosa cidade ao longo destes anos. En primeiro lugar visitou o convento das Doroteas onde departiu coa Superiora, Elvira Arzubialde, e as relixiosas alí residentes e, de seguido, desprazouse á Residente “Paz y Bien” das Irmás Franciscanas Hospitaleiras onde mantivo un encontro coa Superiora, Irmá María de Lourdes, e a comunidade relixiosa e os residentes nese centro.
Moisés Rodríguez manifesta que proximamente fará unha proposta ao Pleno da Corporación Municipal tudense para a concesión dunha medalla da cidade a estas dúas congregacións relixiosas e tamén para as Irmás de San Vicente de Paul (popularmente coñecidas como “Monxas da Milagrosa”) que tamén cumpriron recentemente o centenario da súa presenza en Tui. Este recoñemento municipal pretende, en palabras do alcalde, testemuñar o recoñecemento pola súa achega á vida colectiva tudense destas congregacións ao longo destes cen anos de vida compartida na nosa cidade, unha aportación especialmente nos ámbitos educativo e asistencial.
- Relixiosas de Santa Dorotea, que procedentes de Portugal, onde a República recentemente proclamada decretara a expulsión das Ordenes Relixiosas, se asentaron en Tui o 21 de xaneiro de 1911, desenvolvendo dende aquela un importante papel como educadoras en diversos niveis do ensino ata que no ano 1990 pecharon o seu parvulario. No actual edificio, inaugurado en 1928, residiu ao longo de moitos anos Sor Lucía, a vidente de Fátima, polo que este lugar recibe anualmente numerosos grupos de peregrinos atraídos por este feito, de grande transcendencia no turismo relixioso.
- Irmás Franciscanas Hospitaleiras da Inmaculada Concepción (as chamadas “Hospitaleiras”) chegan a Tui o 1 de xaneiro de 1911, fuxindo tamén da persecución relixiosa en Portugal, e fundan naquela altura un centro educativo na nosa cidade e outras tres casas. En Tui estivo a sede central da súa Congregación naqueles anos e posteriormente nos anos seguintes á revolución portuguesa de 1974. Rexentaron ao longo de moitos anos a chamada “Casa de Exercicios Espirituais” no barrio da Sarabia hoxe transformado na Residencia “Paz y Bien”.
- Fillas da Caridade de San Vicente de Paul (ou as popularmente coñecidas como “Monxas Milagrosas”) que chegaron a Tui no ano 1908 ao fundar o tudense Florencio Cerviño, daquela bispo de Ourense, a popular “Cociña económica” que mantivo a súa actividade durante moito tempo; ao ano seguinte foi fundado o centro docente “La Milagrosa” que funcionou ao longo de moitas décadas, rematando a súa actividade educativa no ano 2005. Salienta tamén a súa achega no ámbito social, a través do Voluntariado da Caridade ou coa creación do “Albergue de transeúntes”. Na actualidade continúan asentadas en Tui no colexio de “La Milagrosa” e o centro vacacional “Val de Flores”.
Sem comentários:
Enviar um comentário