No encontro, celebrado en Pontevedra, Delfín Fernández comprometeuse a trasladar a preocupación do incerto futuro do servicio ao Delegado do Goberno.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez informou esta mañá ao subdelegado do Goberno en Pontevedra, Delfín Fernández Álvarez, da actual situación da conexión ferroviaria de Tui e Valença. O rexedor transmitiulle no encontro celebrado en Pontevedra tanto a preocupación suscitada polo incerto futuro da única conexión ferroviaria entre Galicia e Portugal como os pasos dados polos Concello de Tui e o de Valença do Minho polas dúas administracións locais de cara a promover a modernización do servizo para que resulte competitivo e rendible. Unha tarefa que cómpre realizar de xeito conxunto e consensuado co resto de sectores e entidades transfronteirizas con responsabilidades no tema.
O subdelegado do Goberno pola súa parte, sensible á preocupación da poboación fronteiriza, comprometeuse a trasladar ao Delegado do Goberno, “a fundamentada preocupación de Tui e da súa contorna (Norte de Portugal e demais Concellos) pola necesidade duna mellora substancial do servicio de ferrocarril, que na actualidade non se corresponde coas necesidades reais de comunicación da zona”.
O rexedor de Tui agradece a receptividade que amosou durante a reunión o subdelegado do Goberno en Pontevedra, na que se abordaron outros temas de grande interese para a cidade. Porén, a prioridade de abordar o tema da conexión ferroviaria está motivada ademais polo calendario. Neste mes está previsto que RENFE e Comboios de Portugal tomen unha decisión sobre o futuro desta liña de transporte ferroviario e o Concello de Tui amosa a súa demanda a prol do mantemento desta conexión ferroviaria adaptada as necesidades das poboacións transfronteirizas, como ven facendo nos últimos meses.
Por outra banda, a axenda da vindeira semana sobre esta temática comezará na localidade de Viana do Castelo. O rexedor local participará do encontro no que están convocados os demais alcaldes da zona e no que, acompañados dos principais representantes empresariais da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal e dos sectores afectados, se abordará o futuro inmediato do tren nesta zona.
Neste foro, ademais de compartir mesa de traballo para elaborar unha declaración conxunta dirixida ao Gobernos de España e Portugal para o mantemento e modernización desta liña férrea, o rexedor tudense informará tamén das estratexias complementarias polas que aposta a cidade de Tui neste asunto. O alcalde de Tui congratúlase tamén polo respaldo que suscita esta demanda entre amplos sectores e grupos da Eurorrexión que comparten neste asunto a prioridade de “viaxar no mesmo tren”.
Na reunión abordaron tamén outros asuntos coma a convocatoria dunha Xunta Local de Seguridade, ou a sinatura dun convenio para permitir á Policía Local o acceso á base de datos da DXT.
Sem comentários:
Enviar um comentário