O Centro Especializado en Tecnificación Deportiva de Tui acolleu a pasada semana un curso dirixido a profesores de secundaria e primaria de toda Galicia, denominado “Iniciación aos deportes de auga: Remo”.
Este curso, organizado polo Servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra e o Centro de Formación do Profesorado de Vigo, en colaboración co Concello de Tui, tivo unha participación de 35 profesores, que realizaron dúas sesións teóricas e unha práctica no río Miño.
Para o concelleiro de deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, o CETD de Tui ten que ser un punto de formación no ámbito deportivo tendo en conta as axeitadas instalacións con que conta para impartir estas actividades tanto polas aulas coma polas propias instalacións deportivas.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, lembra que o Centro Interfederado de Tui foi recoñecido no mes de maio coma Centro Especializado de Tecnificación Deportiva de Remo e Piragüismo polo Consejo Superior de Deportes. Este feito xunto ás actividades formativas coma a desenvolvida a semana pasada, indica o rexedor, permiten un mellor aproveitamento de todo o potencial con que conta este centro tudense.
Sem comentários:
Enviar um comentário