Este domingo, 5 de marzo, celebrarase en Tui o Enterro do Bacallau coma despedida do Entroido de 2017. Este ano, ao igual que aconteceu xa en 2016, dáse a paradoxa de que se celebrará primeiro a despedida do Entroido e logo o desfile-concurso de comparsas, xa que aínda que estaba previsto para o pasado luns tivo que se aprazado pola choiva e foi adiado para o domingo 12 de marzo.
O Enterro do Bacallau sairá este domingo, 5 de marzo, ás 19.30h dende a Praza de San Fernando para realizar un percorrido pola rúa Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, Paseo da Corredoira, praza da Inmaculada, Augusto González Besada e Ourense para rematar no aparcamento municipal, na traseira de Área Panorámica, onde se procederá á incineración do bacallau. Ao celebrarse previamente o enterro que o desfile a organización decidiu que o bacallau sexa portado polo gañador do Entroido de 2016, que foi a comparsa de Pexegueiro, e que faga o acompañamento musical o gañador nesta categoría do pasado ano que foi tamén a comparsas de Pexegueiro.
En canto ao Desfile-Concurso de Entroido, na reunión celebrada o pasado martes, á que acudiron 14 das 17 comparsas inscritas, acordouse que ante a previsión novamente de choiva para este sábado, terá lugar o domingo, 12 de marzo, ás 17h. Realizará un percorrido polo circuíto establecido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda, sen poder realizar paradas. Mentres o xurado delibera e ao remate da entrega de premios e ata ás 22h actuará a orquestra Nevada no cruzamento entre as rúas Lugo e Ourense.
Restricións no tráfico
Debido á celebración este domingo, 5 de marzo, do Enterro do Bacallau dende ás 10 e ata ás 22h non se poderá estacionar no aparcamento municipal que permanecerá pechado neste tramo horario e dende ás 18h estará pechada ao tráfico a rúa Seixas.
Sem comentários:
Enviar um comentário