O delegado da Asociación Galega de Apicultura nas Rías Baixas explicará as características deste insecto invasor e como controlar a súa expansión
Este sábado, 4 de marzo ás 19:00 horas, a Sala Félix da Área Panorámica, acollerá a charla informativa “Stop Velutina”, organizada pola concellería de Medio Ambiente do Concello de Tui e a Asociación Galega de Apicultura.
A conferencia, con entrada de balde até completar aforamento, estará dirixida por José Ramón Suárez, delegado nas Rías Baixas da Asociación Galega de Apicultura. Na mesma darase conta sobre o que compre saber sobre a vida e comportamento da vespa velutina, tamén coñecida como vespa asiática, como afectan as picaduras deste insecto e que colectivos poden ser máis vulnerables.
Así mesmo, o delegado de AGA nas Rías Baixas dará as premisas básicas de control e vixilancia desta vespa invasora (datas para eliminar niños, colocación de trampas, etc.). Na charla tamén se realizará unha demostración de como elaborar trampas para capturar as raíñas fundadoras das colmeas.
Por último, pecharase cos datos do programa de AGA para capturar as raíñas e as vespas asiáticas e abrirase unha quenda de preguntas e dúbidas. Esta charla está dirixida tanto a apicultores como ao público en xeral para que coñezan os riscos e métodos para eliminar este insecto invasor. Soamente nos pasados dous anos, en 2015 e 2016, foron retirados 228 niños de velutina no termo municipal de Tui.
Sem comentários:
Enviar um comentário