Carlos Núñez, Anxo Pintos e Anxo Lorenzo participaron nun tributo ó creador de Xarabal -Esta banda tamén participou xunto a Arume de Malvas, Lembranzas de Guillarei e Santa Columba nun emotivo concerto
"Antón Corral é unha das pezas básicas da música tradicional galega, capaz de xoga-lo seu patrimonio e vender un vehículo (de seu) para montar unnha escola de gaitas e didáctica. Iso demostra o cariño que lle tiña á música e a aposta polo futuro nun sector maltratado. Xente coma el foi capaz de formar na música e na construcción de instrumentos. O mundo folc deste país débelle moito". O alegato en favor do mestre facíao na tarde de onte Roberto Giráldez, presidente da Asociación Cultural Xarabal, cuxa banda homónima naceu no 1984 en Vigo baixo a dirección do mesmo Corral. Os seus músicos formaron parte da nómina dos 120 que participaron na homenaxe en Tui (Pontevedra).
Nela, déronse cita astros galegos da melodía como Carlos Núñez, Anxo Pintos e Anxo Lorenzo que aceptaron, dende o primeiro momento, o convite para participaren na homenaxe que buscaba ser, ante todo, emotiva e familiar. Esta foi toda unha sorpresa para Antón. "A pesar de que hai cartaces e se publicaron informacións sobre o concerto, para el, é unha sorpresa, vén enganado", explicaba Giráldez horas antes do inicio do concerto. Para que non se enterara do tributo, mesmo lle tiveron que retira-la prensa das mans nos últimos días.
O actual presidente de Xarabal engadía que a práctica totalidade dos músicos que onte actuaron formáronse con Antón Corral, mesmo Núñez, Pintos e Anxo Lorenzo, que foron alumnos do mestre no "Obradoiro Escola de Instrumentos Musicais Populares Galegos" da Universidad Popular da urbe olívica.
Un deles, o moañés Anxo Lorenzo, rememoraba a súa entrada na Universidade Popular a principios dos 90. Este gaiteiro que ten percorrido medio mundo coa súa música inda segue a emprega-las gaitas e punteiros que fixera Corral "hai máis de 20 anos. Utilizo os seus instrumentos porque son garantía de calidade tanto en concertos como en gravacións".
Non obstante, Lorenzo tamén quixo destaca-la faciana humana de Antón Corral: "Transmitíume moitos valores durante a miña etapa en Xarabal como o compañeirismo, a humildade, o deber de comparti-la música entre nós. É incrible que toda a xente que fala del, sempre ten palabras boas. Non coñezo a ninguna persoa que diga algo negativo del".
Por todo isto, foi "unha honra" para Lorenzo participar na homenaxe de onte na que tocou tres temas, entre eles a composición tradicional " Alalá das Mariñas" e un tema propio, "Espírito", acompañado por Xosé Liz, tamén alumno de Corral.
Suso Corral, fillo do homenaxeado, destacou o cartel da festa. "Xuntar a Carlos Núñez, Anxo Pintos e Anxo Lorenzo non se consegue tódolos días", señaló a FARO.
A semente de Corral -o seu neto Ramón Corral tamén imparte clases- tamén prendeu noutras formacións. Por un lado, a xa citada Xarabal que interpretou onte a xota "Xarabal", "A barroca" e o tema tradicional bretón "Andró". Este foi tocado na despedida do concerto por tódolos músicos participantes.
Ademais de Xarabal, Núñez, Pintos e Lorenzo, tamén tocaron as bandas Arume de Malvas, Lembranzas da Terra de Guillarei e Santa Columba de Ribadelouro nunha xornada apoteósica na que o público respondeu con sobresaliente
in Faro de Vigo
Sem comentários:
Enviar um comentário