Amnistía Internacional Vigo convoca un acto de protesta o vindeiro sábado 20 de xaneiro, de 11.30 a 13.00 no Paseo da Corredera deTui para esixir o peche de Guantánamo. Cúmprense 16 anos da apertura do centro de detención e unha vez máis temos que conmemorar este triste aniversario que prefeririamos non ter que marcar nunca no calendario.
Nestes 16 anos, Estados Unidos tense auto-proclamado paladín mundial dos dereitos humanos mentres recorría á tortura e á desaparición forzada. Ademais, négase a levar ante a xustiza os perpetradores destes crimes de dereito internacional. Guantánamo segue sendo un símbolo das graves violacións de dereitos humanos que permanecen impunes, incluídas a detención arbitraria, a detención secreta, a tortura, os malos tratos, as entregas extraordinarias e os xuízos inxustos.
Entre os 41 homes que aínda permanecen detidos nesta prisión, varios deles levan anos esperando abandonar a base naval a pesar de ter recibido a autorización do goberno estadounidense para saír. Entre eles é paradigmático o caso de Toffiq ao- Bihani, cidadán iemení que espera ser transferido desde 2010, cando as autoridades estadounidenses autorizaron a súa saída da base. Bihani foi un dos detidos torturados pola CIA antes de chegar a Guantánamo a principios de 2003 e nunca recibiu cargos nin se enfrontou a un xuízo. Cantos anos máis tardará o goberno de Estados Unidos en sacalo de alí?
Hai máis dunha década desde que o Comité contra a tortura de Nacións Unidas indicou aos Estados Unidos que a detención indefinida sen cargos nin xuízo en si mesma viola a Convención contra a tortura da ONU. Os motivos de preocupación polas violacións de dereitos humanos en Guantánamo seguen intactos. A impunidade segue sendo total: a lexislación e a política nacionais non son escusas lexítimas -en virtude do dereito internacional- para que un país non respecte as obrigacións contraídas nos tratados e non é probable que Estados Unidos aceptase esas escusas por violacións de dereitos humanos se as ofrecesen outros gobernos. O resto do mundo non debería aceptalas de Estados Unidos.
O 1 de xaneiro de 2017 Estados Unidos ocupou o seu posto, cun mandato de tres anos, no Consello de Dereitos Humanos da ONU. No “manifesto” electoral a favor da súa candidatura, Estados Unidos prometeu defender os dereitos contidos na Declaración Universal de Dereitos Humanos, cumprir as obrigacións contraídas en virtude dos tratados de dereitos humanos e colaborar significativamente cos órganos de tratados da ONU. Non o fixo e Amnistía Internacional seguirá esixindo ao presidente de Estados Unidos que cumpra coas súas obrigas internacionais.
Sem comentários:
Enviar um comentário