sexta-feira, 11 de setembro de 2009

ATA O DOMINGO ESTÁ ABERTA AO PÚBLICO A EXPOSICIÓN SOBRE O FILÓSOFO TUDENSE FRANCISCO SÁNCHEZ

Ata este domingo 13 de setembro está aberta ao público, no Museo Municipal –ubicado no antigo convento de San Domingos- unha exposición biográfica sobre o médico e filósofo tudense Francisco Sánchez, organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Tui.
Esta exposición forma parte do programa de actividades organizado con motivo da celebración da “Xornada Europea da Cultura Xudía” celebrada na nosa cidade a pasada fin de semana.
Francisco Sánchez (Tui, 1550 – Toulouse 1623) é unha das personalidades máis sobranceiras do pensamento europeo do Renacemento e a súa obra filosófica “Quod nihil scitur” (Que nada se sabe) é un referente do pensamento moderno.
Sánchez naceu en Tui nunha familia de orixes xudíos; o seu pai, Antonio Sánchez, é médico do Cabido tudense en 1558 e as súas orixes familiares están en Aragón dende onde fuxiran pola presión antixudea a terras galegas. A pesares dunha extensa polémica historiográfica sobre o lugar de nacemento deste filósofo (que moitos investigadores portugueses reclaman de Braga) o propio pensador deixou escrito que era “natus in civitatis Tudensis”. Logo foi bautizado en Braga en xuño de 1551 e de novo a familia retornará a Tui arredor de 1558 para que o pai traballe para o Cabido da Catedral. As presións da recen creada Inquisición en Galicia forzan a súa marcha, en 1562, cara a cidade francesa de Burdeos.
A exposición está aberta ao público diariamente de 18,00 a 21,00 horas.

Sem comentários:

Enviar um comentário