O Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, presentou hoxe ao Director Xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, un proxecto para restaurar once muíños no río Tripes cun investimento que roldará os 200 mil euros. A solicitude foi feita no transcurso da visita realizada a Tui polo Director Xeral. García-Borregón acolleu favorablemente este proxecto de restauración comprometéndose a estudalo xunto á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Fernández Rocha solicitou tamén ao Director Xeral a colaboración do seu departamento para o mantemento da Rede Natura no municipio, en concreto no tramo comprendido entre a Ponte Internacional e a Comandancia de Mariña para executar traballos de mantemento e posta en valor deste entorno.
Ricardo García-Borregón reuniuse no Centro de Interpretación da Natureza do Parque Natural do Monte Aloia, amais de co Alcalde, co Presidente da Entidade Local Menor de Pazos de Reis, Rubén Rodríguez, co Presidente da Comunidade de Montes de Rebordáns, Armindo Barbosa, o Presidente da Xunta Rectora do Parque, Pedro Arbolí, o enxeñeiro do P.N. do Monte Aloia, Gonzalo Puerto, coa Xefa do Servizo de P.C. da Natureza, Susana Torres, e co Xefe Territorial da Consellería de Medio Rural en Pontevedra, Gerardo Zugasti.
Nese encontro abordouse a colaboración que se pode establecer entre as entidade propietarias e as administracións públicas en axudas ao Parque Natural. Deste xeito tanto a Entidade Local Menor coma a Comunidade de Montes de Rebordáns presentaron ao Director Xeral unha serie de obras a realizar que serán terán que ser concretadas.
Por outra parte xa no que se refire a actuacións no propio Parque concertaron arranxar a área recreativa da Macoca, na entrada deste espazo natural. Estas obras poderían comezar este mesmo ano, segundo explicaba o Director Xeral, ao igual que algún proxecto para ampliar a area recreativa e o seu mobiliario. Deste xeito complementaranse unha serie de actuación que o Concello de Tui está a levar a cabo neste entorno.
Sem comentários:
Enviar um comentário