A cidade raiana lembra aos xudeus que habitaron en Tui e únese a vilas de toda Europa nesta homenaxe. Esta fin de semana Tui acolle os actos de celebración da X Xornada Europea da Cultura Xudía.
Deste xeito a cidade súmase ás actividades que se van realizar en toda Europa e que en España coordina a Red de Juderias, organismo que agrupa a 21 vilas e cidades españolas. O Concello de Tui ten solicitado a súa incorporación a esta Red de Juderias e agarda que remate a moratoria establecida por esta entidade. Nesta Red de Juderias tamén participan outras vilas galegas coma Ribadavia e Monforte de Lemos.
O Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez Pérez, prevé unha grande afluencia de interesados nesta segunda edición da Xornada Europea da Cultura Xudía e destacou o éxito da iniciativa que o ano pasado, na xornada dominical, reuniu a unhas 300 persoas na visita guiada ós vestixios xudeus do Conxunto Histórico tudense.
O programa abrangue o venres 4 de setembro a inauguración dunha exposición xunto a unha conferencia sobre o filósofo e médico Francisco Sánchez, “O Tudense”. A Conferencia terá lugar no Museo Municipal ás 20:30 horas a cargo de Rafael Sánchez Bargiela. Francisco Sánchez (Tui, 1551 - 1623, Toulouse), filósofo e médico, clasificable na corrente denominada Escepticismo, naceu en Tui onde discurreu a súa infancia e foi xudío converso bautizado en Braga. A exposición sobre Francisco Sánchez poderá visitarse no Museo Municipal (antigo convento de San Domingos) ata o vindeiro domingo 13 de setembro de 18,00 a 21,00 horas.
O sábado haberá unha visita guiada aos vestixios xudeus na Catedral de Tui polo historiador José Ramón Fernández Fernández. Será ás 12:00 horas e a actividade conta coa colaboración do Cabido da S.I. Catedral de Tui. Entre estes vestixios destaca o gravado no claustro catedralicio da Menorá ou Candeeiro de sete brazos ou diversos obxectos litúrxicos realizados por artesáns xudeus que se conservan no Museo Catedralicio.
Na xornada dominical os interesados poderán gozar dunha visita aos lugares de memoria xudeus no conxunto histórico. A visita estará guiada polo historiador tudense Suso Vila Botanes. O inicio do percorrido será na Porta da Pía ás 12:30 horas. Durante toda a fin de semana haberá ademais unha exposición e venda de libros de temática xudía, que se levará a cabo coa colaboración da librería Iris.
Sem comentários:
Enviar um comentário