O Concerto de Fin de ano que encheu o aforamento do Teatro Municipal pechou a programación de 2011 neste espazo teatral. Un ano no que se levaron a cabo 73 actividades que congregaron no teatro a 21.500 usuarios. Dende a súa apertura hai case nove anos teñen pasado por este espazo 194 mil usuarios.
A programación de 2011 abrangueu por unha parte concertos do conservatorio, actividades dos centros educativos, espectáculos no marco das festas de San Telmo, actividades do 125 aniversario da vella Ponte Internacional, festivais de bandas e de corais, entre moitas outras. Referencia especial merece Play-Doc, que ten neste teatro o seu centro neurálxico, e que cada ano achega a Tui a miles de persoas cada ano, pero tamén leva o nome de Tui por moitos outros países.
Xa no que se refire á programación oficial do Concello organizada pola Concellería de Cultura, coa colaboración do AGADIC, o programa abrangueu este ano un total de 22 espectáculos, cun investimento de 33 mil euros, e unha asistencia de 7 mil espectadores. A media por función foi de 300 persoas, co que Tui volve a estar á cabeza na media de espectadores en Galicia. Unha media que volveu crecer con respecto a 2010, pese a que se incrementou o número de espectáculos en 2011. Por todo isto Tui, un municipio de 18 mil habitantes, está nos primeiros postos de datos de asistencia ao teatro de Galicia.
Neses 22 espectáculos houbo teatro, monicreques, música, danza, maxia...tanto para público infantil como para adultos. Destaca a dobre función realizada de “O Florido Pensil” de Eme2 producións que encheu o aforamento do teatro os dous días e que foi un gran éxito de público.
No 2011 consolidouse tamén á venda de entradas por internet ao través das web www.culturatui.info, xa que este sistema rexistrou o 45% das vendas totais de localidades.
Dende a Concellería de Cultura, a súa responsable, Vanesa Rodríguez, destaca que todo este éxito non sería posible “sen a presenza do público” a quen agradece a súa “confianza, apoio e fidelidade”. Tamén salienta o traballo desenvolvido polo departamento de cultura tanto na elaboración da programación en sí cada semestre como en cada espectáculo.
Vanesa Rodríguez avanza que nun par de semanas será presentada a programación que organiza a súa Concellería para o primeiro semestre de 2012. Unha programación que “volve estar caracterizada pola súa continuidade e calidade”, e na que agarda de novo contar co respaldo do público.
Sem comentários:
Enviar um comentário