segunda-feira, 2 de janeiro de 2012

A OFICINA MUNICIPAL DE TURISMO RECIBIU 30.039 VISITAS DURANTE 2011


En días pasados finalizou o período anual de apertura da Oficina Municipal de Turismo de Tui que ao longo dos oito meses de funcionamento atendeu a un total de 30.039 visitas, destas 24.803 foron nacionais, e 5.236 internacionais, existindo entre eles un número total de 3.036 peregrinos no seu paso polo Camiño de Santiago portugués. Estes datos supoñen un pequeno aumento do turismo con respecto ao ano 2010, pero sen conter un cambio moi substancial.
Da análise dos datos estatísticos achegados por esta Oficina Municipal de Turismo podemos observar que existe unha maior presenza de turismo nacional que internacional, sendo as Comunidades autónomas máis destacadas por orde de importancia Madrid (con diferenza), Andalucía e Galicia. Tamén obtiveron unha importante porcentaxe os visitantes oriundos de Castela e León, Cataluña e País Vasco, estando o resto de Comunidades presentes aínda que con menor intensidade, chama a atención unha elevada presenza de turistas das afastadas Illas Canarias.
No caso de peregrinos a presenza internacional en xeral é, con todo, maior que a nacional, sendo os países máis presentes Alemaña, Francia e Portugal, seguíndolles Italia, Inglaterra e Canadá. A concelleira de turismo, Raquel Lorenzo Pimentel, engade que é impresionante a cantidade de turistas e peregrinos de todo o mundo que visitaron Tui, sendo máis de 40 os países de procedencia, algúns tan afastados como Rusia, Xapón, ou Australia. Neste aspecto salienta a concelleira o lixeiro descenso do turismo procedente de Portugal por mor da crise económica que vive o país veciño e que a pesar do incremento doutras procedencias provoca o mantemento do número de consultas na Oficina de Turismo nos parámetros do ano anterior. Para achegarse ao número real de visitantes da nosa cidade habería que multiplicar por catro ou cinco este número de consultas.
Pero o traballo deste Oficina Municipal de Turismo abrangueu outras actuacións ao longo deste período temporal amais da atención ao público: creación dun perfil de turismo Tui en facebook, presenza na feira de turismo Expogalaecia conxuntamente coa cidade de Valença, promoción en medios de comunicación, asesoramento para guías impresas, visitas guiadas, etc.

Sem comentários:

Enviar um comentário