A Biblioteca Pública Municipal de Tui ofrece no Anexo da Sala Municipal de Exposicións a mostra de carácter didáctico “Entre moléculas” creada polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología para conmemorar a celebración no ano 2011 do Ano Internacional da Química.
A exposición “Entre moléculas. Ano Internacional da Química 2011. CSIC” ofrece unha visión amena, divulgativa e didáctica da Química. A mostra está dirixida a toda a poboación, con especial atención aos estudantes dos distintos ciclos educativos de secundaria. Está composta por 22 paneis que introducen ao visitante no papel central da Química e as súas achegas á humanidade.
O contido da exposición ofrece unha primeira visión xeral da química e o seu papel central na ciencia, seguida dun repaso breve das principais achegas realizadas ao longo da historia. Nun terceiro bloque, penétrase na química en relación con grandes campos como o medio ambiente, a saúde, a enerxía e a alimentación, póndoos en relación coa investigación desenvolvida nos laboratorios españois.
A concelleira de Cultura do Concello de Tui, Vanesa Rodríguez Pereira, destaca que con esta nova actividade a Biblioteca Municipal pretende fomentar o coñecemento da cultura científica entre os seus usuarios e entre a poboación tudense en xeral.
A exposición estará aberta ao público durante ata finais do mes de febreiro.
Sem comentários:
Enviar um comentário