quinta-feira, 19 de janeiro de 2012

A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE TUI ACADA OS 44.000 USUARIOS NO PASADO ANO 2011


A Biblioteca Pública Municipal de Tui experimentou no pasado ano 2011 un incremento de usuarios que acadaron un total de 44.096 persoas que accederon aos servizos deste centro bibliotecario. Estas cifras supoñen unha media mensual de más de tres mil seiscentas persoas e unha media diaria de 140 usuarios. A Biblioteca abre 49 horas á semana (diariamente 9 horas e os sábado 4 horas).
Tamén no pasado ano aumentaron os préstamos de obras a domicilio acadando os 6.300 libros. Foi tamén incrementada a colección bibliográfica nun total de 1.764 novas publicacións dispondo na actualidade a Biblioteca tudense de 31.466 volumes á disposición dos seus usuarios. Os fondos bibliográficos medraron gracias ás achegas da Consellería de Cultura. O Ministerio de Cultura,a Fundación “Pedro Barrié de la Maza”, o propio Concello de Tui e tamén numerosos lectores que colaboran mediante a doazón de libros de variada temática.
A biblioteca dispón da súa propia páxina web: www.bibliotecaspublicas.es/tui
Tamén a través da Rede de Bibliotecas de Galicia dispón do seu espazo web:
http://www.opacmeiga.rbgalicia.org/Biblioteca.aspx?CodigoBiblioteca=PBM0607.Os datos de uso son os seguintes:
- Consulta á paxina web da Biblioteca: 3.982
- Consultas á web da rede de bibliotecas de Galicia: 40.233
- Consultas ao catálogo na web: 11.712
No pasado ano a Biblioteca tudense recibiu, por sexto ano consecutivo, un dos premios do certame “María Moliner” que convoca o Ministerio de Cultura, a Federación Española de Municipios e Provincias e a Fundación “Coca-Cola” España en recoñecemento á súa programación de actividades de promoción da lectura. Este premio consiste nun lote de 200 obras que incrementaran os fondos bibliográficos.
Entre as actividades desenvolvidas no pasado ano, a memoria da Biblioteca, resalta a mellora do fondo local (coa adquisición de obras antigas referidas á nosa cidade, como é o caso da primeira edición, en italiano, das “Memorie Storiche dell’Australia” de Rosendo Salvado), o mantemento da actividade do Club de Lectura de adultos, das visitas escolares á Biblioteca con 420 alumnos participantes de catro centros educativos tudenses, a continuidade da “Bibliopiscina” nos meses de verán co lema “Mergúllate nos libros”, etc.
Entre as actividades realizadas ao longo do ano, que superaron a trintena, destacaron:
  • Unha nova edición de “Tui le, os libros na Praza de San Fernando” organizado pola Biblioteca en colaboración cos centros educativos que contou coa participación de máis de 1.500 rapaces no 1 de abril.
  • Por vez primeira a Biblioteca organizou a “Feira do libro”· o 17 de maio con dúas significativas novidades: a presenza de dúas librerías de Valença e a sinatura de obras por autores locais.
  • Na “Semana da Biblioteca” tivemos a sorte de contar o 24 de outubro coa presenza do escritor Xosé Neira Vilas, que ateigou o Teatro Municipal en senllos encontros con más de mil rapaces tudenses. O 27 de outubro celebrouse unha interesante tertulia entre os gañadores dos Premios da Critica española en lingua galega: Victor Freixanes e Marga do Val
  • Xunto a esto a Biblioteca celebrou o “Mes do Libros” con diversas actividades de animación para pequenos e mozos, a conmemoración do CXX aniversario dos Xogos Florais de Galicia, cun recital poético e o banquete das Xogos, etc.
  • Organizouse a exposición conmemorativa dos 165 anos de ensino medio en Tui en colaboración cos IES “San Paio” e “Francisco Sánchez”.
Para a responsable da concellería de Cultura tudense, Vanesa Rodríguez Pereira, estes datos avalan o importante esforzo que realiza o Concello de Tui pola promoción deste centro bibliotecario que garante o acceso de todos os cidadás á cultura e á información. Os datos estatísticos reflicten anualmente un incremento usuarios e préstamos pero, engade, que en Galicia aínda estamos lonxe dos parámetros que recomendan os organismos internacionais e, consecuentemente, cómpre manter este compromiso a prol da lectura pública como un dos eixes da actividade cultural tudense.

Sem comentários:

Enviar um comentário