quinta-feira, 26 de janeiro de 2012

O 3 de febreiro comeza a nova programación cultural de 2012


O próximo 3 de febreiro comezará a programación do primeiro semestre do ano en Tui, que se prolongará ata o mes de xuño. Estas actividades veñen recollidas nun novo número da Axenda Cultural Corredoira que foi presentado esta mañá polo alcalde, Moisés Rodríguez, e pola concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez.
Oito son os espectáculos que neses meses se poderán disfrutar no Teatro Municipal con propostas tanto para público adulto coma infantil, onde o teatro é o gran protagonista pero tamén a música tradicional e a maxia. Esta programación ten un orzamento de 33 mil euros dos que o AGADIC aporta o 60% e o concello o 40% restante. A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, destacou que “nos tempos que corren seguir cunha axenda cultural e cunha programación tan extensa non é doado”.
O grupo de teatro Chévere volve a Tui para presentar “Citizen 1”, a primeira parte dun proxecto de investigación teatral. Será o venres 3 de febreiro ás 21.30h. Dende Baleares chega o 10 de febreiro Disset Teatre co primeiro espectáculo infantil da temporada “Las hadas de la bella durmiente”. Sarabela Teatro actuará o 2 de marzo con “Tango” , unha das obras máis relevantes do teatro polaco estreada hai xa 47 anos. Colle o testigo Caramuxo Teatro, o 9 de marzo, con “Pío”, un espectáculo infantil que mestura o teatro de actor e o teatro de monicreques. Por último pecha a programación teatral Espello Cóncavo o 16 de maio con “Tres no bambán” .
Xa no que a parte musical se refire a primeira actuación será o sábado 11 de febreiro co espectáculo “Esta noite hai unha fia” da man de “O Fiadeiro”, onde a música tradicional é protagonista. De igual xeito o será a música raiana no concerto que as Malvela ofrecerán o 10 de marzo. Neste semestre hai oco tamén para a maxia o 11 de maio co mago Romarís.
Nesta programación a desenvolver no Teatro Municipal compre salientar tamén a IV Semana do Teatro Afeccionado que se vai celebrar do 9 ao 14 de abril coincidindo coas festas de San Telmo e na que van participar os grupos de teatro das distintas asociacións tudenses, que este ano presenta como novidade a incorporación do grupo de teatro de Pazos de Reis, e a actuación do grupo de teatro infantil de Randufe.
No tocante á programación exterior a primeira cita será co Entroido, que este ano cumpre o seu 25 aniversario en Tui, o desfile-concurso celebrarase o 21 de febreiro, e o 26 de febreiro, o enterro do Bacallau. Na Corredoira inclúese tamén a oitava edición de Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui que terá lugar do 21 ao 25 de marzo. Toman o relevo as Festas de San Telmo do 7 ao 16 de abril. Xa en maio na primeira fin de semana haberá a décimo sexta edición da Feira de Artesanía, e coincidindo co Día das Letras Galegas celebrarase a décimo quinta Feira do Libro.
Na Axenda Cultural Corredoira vén tamén recollida a programación tanto da Biblioteca Municipal como da Sala de Exposicións Municipal para este primeiro semestre de 2012. Nas actividades da Biblioteca destaca o Club de Lectura, a iniciativa “Tui le, os libros na Praza de San Fernando”, ou o Mes dos libros e o aniversario dos Xogos Florais. Na Sala de Exposición compre destacar a mostra do Grupo Filatélico e Numismático de Tui no seu 50 aniversario, ou unha exposición sobre Francisco Sánchez.
Explicaba a concelleira de Cultura que da Axenda Cultural Corredoira se editan 15 mil exemplares, dos que cinco mil son distribuídos en fogares de Tui, outros cinco en fogares de Valença, e os cinco mil restantes en establecementos públicos, na Área Panorámica e no propio concello. Cada axenda ten un prezo unitario de 16 céntimos, un custe moi rendible dicía, xa que o cálculo é que a través da distribución dos domicilios, cunha media de 3 persoas por vivenda, chega a 30 mil persoas.
Pola súa parte o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salientou que Tui segue a ser un “referente cultural” que se está pondo en valor. Felicitaba á concellería de Cultura porque a pesar de que estes son tempos complicados “segue habendo unha programación de calidade”. Ao tempo agradecía tamén o apoio ás institucións coma a Xunta, a Deputación, o Xacobeo ou o AGADIC, que seguen apostando por Tui, “non por casualidade senón polos seus resultados”. Nese senso destacaba a fidelidade do público dando grazas aos espectadores pola súa asistencia. Por último salientaba que este investimento en cultura é rendible.

Sem comentários:

Enviar um comentário