terça-feira, 24 de janeiro de 2012

A inscrición no desfile-concurso de Entroido de Tui será do 1 ao 7 de febreiro


O Próximo mércores, 1 de febreiro, abrirase o prazo de inscrición para desfile-concurso de Entroido en Tui, que se celebrará o martes 21 de febreiro.
A inscrición farase o mércores 1, xoves 2, venres 3, luns 6 e martes 7 de febreiro, en horario de 10 a 14h no Departamento de Cultura do Concello de Tui no impreso normalizado para este fin.
Establécense dúas modalidades: grupos cun mínimo de 12 persoas e un máximo de 20, e comparsas que deberán estar formadas por máis de 25 persoas. Poderán inscribirse so 15 comparsas e 5 grupos, respectando a orde de inscrición coa salvedade de que nunca unha comparsa ou grupo de Tui quedaría fora.
Neste Entroido repartiranse 5 mil euros en premios ao que hai que engadir 500 € dos trofeos, e ata un máximo de 8.500€ en concepto de compensación por participar. Haberá un premio xeral, no que competirán de xeito conxunto grupos e comparsas e no que se valorará a orixinalidade, vestiario, parodia, acompañamento musical e carroza. Nesta categoría haberá un total de sete premios que oscilan entre os 700€ do primeiro e os 100€ do sétimo. En carrozas establécense outros sete premios dotados con contías que van dos 400€ aos 50€. Amais haberá tres premios para acompañamento musical, de 250€, 150€ e 50€, para a música interpretada en directo, e por último hai un único premio para fantasía valorado en 300€.
Amais tanto grupos coma comparsas recibirán unha compensación económica por participar. A comparsas tudenses con carroza recibirán 500€, e as que non leven carroza 250€, mentres que as foráneas recibirán 250€ e 150€ en función de se levan ou non carroza. No caso de grupos os de Tui percibirán 200€ se leve carroza e 100€ en caso contrario, e os grupos de fóra terán unha compensación de 100€ e 50€ respectivamente se levan ou non carroza.
O desfile-concurso de Entroido celebrarase o martes, 21 de febreiro, ás 17.30h nun circuíto polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda, quedando prohibida a parada dos participantes diante do palco. Amais todas as comparsas e grupos deberán asistir ao Enterro do Bacallau que terá lugar o domingo, 26 de febreiro, ás 19.30h dende a Praza de San Fernando.
Ás bases completas pódense consultar no taboleiro de anuncios do Concello e nas páxinas web www.culturatui.info e www.concellotui.org, así como no departamento de Cultura do Concello de Tui.

Sem comentários:

Enviar um comentário