Nese anaco do paraíso, un de tantos edéns minhotos, Vilanova de Cerveira, Ponte de Lima, hai un santuario consagrado á Nossa Senhora da Cabeza (Cristelo Covo-Valença do Minho). Esta devoción nada ao abeiro da Reconquista -visión dun toco mediante, a quen lle foi restituido o brazo- alá polo século XIII na serra Morena andalusí, medrou despaciosamente por todo Portugal ata espallarse hogaño mesmo no Brasil e inzando de devoción topónimos arredados milleiros de kilómetros, dende os primeiros árabes do seu aparecemento, Andújar, ata os precolombinos guaraní ou tupí ou vai ti a saber de Curitiba, e tamén á capital carioca baptizada Río, moitas veces, senón sempre, ergueitas grazas a doazóns de particulares, o que veñen ser templos expiatorios -mercar o perdón- Este foi o caso do parque construído nos serodios sesenta arredor da capela valenciana na ribeira minhota. Churrasqueiras para o grelhado, mesas e bancos de pedra para os piqueniques (picnics) todo moi ben preparado e de balde, onde cantan as turmas vindas de lonxe ao son das sanfoninhas no fondal da grande carballeira. Cartaces avisan el non facérense os xestores do parque responsables da queda (caída) de gallas -coñécese que non foron dúas nin tres ocasións que isto ocorreu-.
Malia os cartaces, os inconscientes, os confiados, os arriscados, os valentes son seducidos pola sombra, expóñense enchendo a terraza do bar, cantando as turmas ao son das sanfoninhas no fondal, calando outros sen ter que se dicir, a beber cervexa ou água do nascente sen esperar a galleta imprevisible das escolas de Franco -vénme á mente a analoxía-. Aqueles mestres, uns mais que outros, fillos da frustación, devolvían sóamente o que apañaran tempo atrás, e cada palabra deles era herdo e trabe.
Agora sei que alí aprendías a vida, unha asignatura nun segundo, un curso nunha labazada, cunha pouca de sorte axuntar dúas letras. Daquela o docente cumprira co del e de volta a envorcarse na cruzada heroica, eterno labor de esculca e contradicción.
E logo estaban as santas nos seus santuarios, a facer o churrasco e mirar por un, capachos cheos do propio e do alleo a quen nos encomendar, para os potes sandar. Pupitres, cátedras da invisibilidade e da camuflaxe. De sombra.
Alén diso, a romería alí celebrada ten un carácter especial. Derruba fronteiras. Atravesan minhotos e galegos á beira oposta con cadansúas cruces necesarias e intranferibles, como se fosen destino ou condición, así mandan os credos seren respectadas. A raia húmida, fértil cunca aonde os pescadores chimpan as redes despois de as beicer, nos arreda e nos xunta.
in Faro de Vigo
Sem comentários:
Enviar um comentário