sábado, 28 de novembro de 2015

OS CEIP PLURILINGÜES Nº1 E Nº2 DE TUI PARTICIPAN NA 4ª EDICIÓN DO PROGRAMA -RECÍCLATE CON SOGAMA-

Un total de catorce centros escolares galegos de educación primaria foron seleccionados para participar este curso académico na cuarta edición do programa Recíclate con Sogama, organizado pola Xunta de Galicia e coa Sociedade Galega do Medio Ambiente e que forma parte das iniciativas enmarcadas dentro do Plan Proxecta, que ten como principal obxectivo a educación en valores.
A iniciativa estenderase ao conxunto de alumnos que cursan os seus estudos nestes centros, polo que suman preto de 4.000 participantes. A distribución por provincias é a seguinte:
-       Provincia da Coruña: dous, CPR Nosa Señora do Rosario, de Arzúa, e CEIP A Cristina, de Carballo.
-       Provincia de Lugo: tres, CEIP Celso Currás, de Trabada, CEIP Muimenta, de Cospeito, e CEIP Veleiro-Docampo, de Castro de Rei.
-       Provincia de Ourense: dous, CPR Plurilingüe Divina Pastora, de Ourense cidade; e CPR Plurilingüe Divina Pastora, de O Barco de Valdeorras.
-       Provincia de Pontevedra: sete, CEIP Laredo, de Redondela; CEIP Plurilingüe Nº1 e CEIP Plurilingüe Nº2, de Tui; CEIP Espedregada, de Poio; CEIP Julia Becerra Malvar, de Ribadumia; CPI Aurelio Marcelino Rey García, de Cuntis; e CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, das Neves.
Todos eles, coa axuda e o asesoramento de Sogama, procederán a implantar a recollida selectiva de lixo nos seus recintos a fin de que, tanto os alumnos como os docentes, participen activamente na mesma mediante a separación de refugallos en orixe e correcto depósito nos contedores correspondentes.
Medios materiais e didácticos
Sogama enviará a cada colexio unha illa de reciclaxe conformada por tres contedores de 120 litros de capacidade cada un, para separar correctamente os refugallos: amarelo, para os envases de plástico, latas e briks; azul, para o papel e cartón; e verde convencional, para a fracción resto. O obxectivo último é que a comunidade educativa adquira e afiance hábitos de clasificación de materiais, e que os mesmos se estendan aos fogares como medida indispensable para contribuír á reciclaxe e os seus beneficios ambientais, económicos e sociais.
Cada colexio conta cun profesor coordinador do proxecto, que é o que manterá un contacto permanente con Sogama, encargándose da organización e supervisión de diversas actividades nas que se involucrarán diversos docentes que colaborarán activamente na iniciativa, aportando o seu traballo e experiencia.
No caso dos centros que conten con servizo de comedor, e dispoñan de xardín ou horta, habilitarase cun composteiro de 340 litros, co que poderán elaborar compost a partir da materia orgánica xerada. Desta forma, non só pecharán o ciclo de reciclaxe e recuperación desta fracción de desperdicios, senón que contribuirán á prevención e redución dos mesmos, obtendo un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo.
A nivel didáctico, e co fin de trasladar aos centros os coñecementos básicos na xestión sostible dos residuos urbanos, a empresa proporcionará a cada un diverso material divulgativo en soporte papel (carteis e folletos fundamentalmente, avanzados no seu momento por vía dixital), á vez que xa lles remitiu unha guía específica para o profesorado e unha presentación que lles axudará a formar aos pequenos nas boas prácticas ambientais vinculadas ao lixo.
in Infomiño

Sem comentários:

Enviar um comentário