O momento máis emotivo da noite foi coa Mención Honorífica a Eduardo Sousa cun longo aplauso e o teatro en pé.
A futbolista Sara González e o padeeiro Roi Rodríguez foron os galardoados na categoría feminina e masculina co Premio Deporte Tudense Deportista 2015 na IV Gala do Deporte Tudense celebrada onte á noite no Teatro Municipal. Sara González “Sara Tui”, que non puido estar presente por compromisos deportivos, fichou esta temporada polo Granadilla Sur de Tenerife de Primeira División, e estivo no once ideal da Liga de Fútbol Feminina. Roi Rodríguez, membro do Club Kaiak Tudense, foi campión do Mundo sub-23 de k1 e k4 1000 metros.
O momento máis emotivo da noite foi coa concesión dunha mención honorífica a Eduardo Sousa, deportista tudense falecido este ano e que formou parte do xurado da Gala durante as tres primeira edicións. Tras a proxección dun vídeo sobre a súa figura houbo un longo aplauso co público en pé a xeito de homenaxe. Os seus fillos Eduardo e Lola recolleron de mans do alcalde, Enrique Cabaleiro, e do concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, esta distinción.
Jaime Alfaya recibiu o premio Deporte Tudense Adestrador por ter ascendido ao Club Balonmán Tui á División Autonómica. Mentres o Tyde F.C. foi galardoado co Premio Entidade Deportiva polo traballo realizado na organización do club que conta na actualidade con once equipos federados. O seu presidente Elías Vieiro foi o responsable de recoller o premio acompañado polos capitáns dos once equipos.
O Premio Deporte Tudense Promesa na categoría feminina foi Silvia Leiras, campioa de España de esquí náutico e campioa de España de Balonmán infantil coa Selección Galega. Mentres na categoría masculina recaeu no padeeiro do Kaiak Tudense Alfonso Domínguez que logrou o terceiro posto no Campionato do Mundo de Piragüismo Junior C4. Este ano por primeira vez entregáronse os Premios Deporte Tudense Veterano a Marisa Giráldez por unha vida ligada ao deporte que continua a practicar, e a Avelino Martínez polos logros acadados no mundo do judo tanto a nivel nacional coma internacional.
O Club de Patinaxe Artístico Ribex recibiu o Premio Deporte Tudense Promoción do Deporte Base por contar con máis de 185 practicantes entre os socios do club e das escolas deportivas da Deputación, situando en poucos anos á patinaxe entre as preferencias deportivas dos tudenses. Recolleu o galardón a súa directora técnica Carolina Figueroa.
Entregouse unha Mención Especial a Joe Arlauckas pola súa difusión desinteresada da cidade de Tui e por apadriñar e dirixir un Campus de Baloncesto na cidade. Outra Mención Especial recaeu en Marcos Salvado – Proxecto Mali, que recolleu a solidariedade dos clubs tudenses e serviu para que un grupo de nenos malienses puideran practicar deporte en mellores condicións.
Amais Supermercados Froiz recibiu o Premio Deporte Tudense á Firma Comercial pola súa colaboración con multitude de probas deportivas.
A gala contou coas actuacións musicais de Odaiko Percusión e Único e Kronic.
Sem comentários:
Enviar um comentário