O prazo de presentación de fotografías e poemas rematará o 16 de novembro
Con esta iniciativa o Concello de Tui pretende fomentar as relacións de igualdade entre home e muller acabar entre todos coa violencia machista
A concellería de Servizos Sociais do Concello de Tui, vén de convocar o VIII concurso fotográfico-literario Relación Home-Muller 100% positiva. O tema “Relación home/muller 100% positiva”, quere facer fincapé na relación entre a muller e o home, resaltando dunha forma positiva a relación de parella, amizade, convivencia no traballo...é dicir, en todos os ámbitos da vida. As bases que rexen esta convocatoria veñen de ser publicadas na web www.concellotui.org.
Con este concurso a concellería de Servizos Sociais quere resaltar que aínda que, desgraciadamente, existan vítimas de violencia de xénero, afortunadamente, a maioría de relacións entre homes e mulleres son non violentas. Con esta campaña o Concello de Tui pretende fomentar este tipo de relacións e acabar entre todos coa violencia machista.
O certame consta de dúas categorías, unha destinada para os adultos e outra para rapaces e rapazas menores de idade. Neste senso, será necesario contar co consentimento expreso dos seus pais ou titores legais, tanto para a participación como para a aceptación do premio da categoría de infantil.
Cada participante poderá enviar un máximo de 3 obras e aceptaranse fotos con retoque fotográfico sempre que non se trate de fotomontaxes. As fotos deben contar cun título. Pola súa banda, a extensión do poema será dun folio por unha cara a ordenador con tamaño mínimo de letra de 12 (sen máximo) e tipo de letra Arial. O texto será orixinal, non debendo participar en ningún outro concurso.
O prazo de recepción de fotografías rematará o vindeiro luns, 16 de novembro, ás 12 do mediodía. Os traballos presentaranse nun sobre pechado, especificando no seu exterior: “Concurso fotográfico: Relación home/Muller 100% positiva, 8ª edición” que poderá ser entregado directamente na oficina ou ser enviado por correo ao Concello de Tui, Praza do Concello nº 1 . 36700 – Tui. Poderá tamén enviarse aos correos olga.ssociais@concellotui.org ou paula.ssociais@concellotui.org. O arquivo utilizado debe ser Word, en caso contrario descartarase.
O/a primeiro/a finalista dentro da categoría de adultos recibirá 300 €. En metálico. O/a finalista dentro da categoría infantil recibirá un agasallo por valor aproximado de 300 €.
Os/as interesados/as en participar poden consultar as bases do concurso na páxina web do Concello de Tui no seguinte enlace http://www.concellotui.org/archivos/Banners/BASES-CONCURSO.pdf
Sem comentários:
Enviar um comentário