A proba disputarase no recinto deportivo da Macoca este sábado 21 de novembro, de 10h. a 13h.
Ó redor de 400 rapaces e rapazas do Baixo Miño participarán este sábado, de 10h a 13h, no Campionato de campo a través escolar, no recinto deportivo da Macoca, en Pazos de Reis. Esta proba deportiva está organizada polo Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, a través da Agrudebam, a Agrupación Deportiva Escolar do Baixo Miño, e coa colaboración do Concello de Tui e da Entidade Menor de Pazos de Reis.
Hoxe ás 10h., no CEIP de Pazos de Reis, tivo lugar a presentación do torneo, no que compareceron o concelleiro de Deportes de Tui, Laureano Alonso, o concelleiro de Relacións Supramunicipais de Tui, Miguel Capón, o coordinador provincial de Deporte Escolar da Xunta de Galicia en Pontevedra, Guillermo Reinaldo, o presidente da Entidade Menor de Pazos de Reis, Enrique Pérez, o presidente da Agrupación Deportiva Escolar do Baixo Miño, Alfonso Lorenzo, e o director do CEIP de Pazos de Reis, Manuel Fálquez.
O concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, incidiu que esperan unha grande participación de nenos e nenas de todo o Baixo Miño no Campionato e agardou que a proba sexa un éxito total.
O presidente da Agrupación Deportiva Escolar do Baixo Miño, Alfonso Lorenzo, explicou que poderán participar oito categorías, Benxamín, Alevín, Infantil e Cadete, masculinas e femininas, comezando os Benxamíns ás 10h. e rematando os Cadetes ás 13h. As categorías marcarán a distancia a percorrer.
As inscricións poderán efectuarse na páxina de Agrudebam, http://www.agrudebam.es/21.html ata este mércores 18 de novembro. Haberá medallas para os 10 primeiros clasificados en cada categoría (agás baixa participación), e trofeos para os tres primeiros equipos. En canto ó avituallamento, os atletas participantes recibirán unha bolsa con bocadillo, auga e lácteo, así como un chocolate quente.
Para rematar, o coordinador provincial de Deporte Escolar da Xunta de Galicia en Pontevedra, Guillermo Reinaldo, apuntou que esta competición abre o calendario das probas de campo a través de Xogade, e trasladou o desexo de que todos os participantes desfruten da xornada deportiva.
Sem comentários:
Enviar um comentário