O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indicou que vén mantendo reunións cos partidos da oposición para consensuar en que proxectos se investirán ditas partidas
A de hoxe foi a primeira visita oficial da presidenta da Deputación ó Concello de Tui, na que subliñou que o ente provincial vaille dar autonomía ós municipios para que xestionen os fondos do plan local
Os catro partidos do equipo de goberno do Concello de Tui, xunto con Ciudadanos Tudenses e Alternativa Popular de Tui, recibiron esta mañá á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, no Salón de Plenos do Concello.
No encontro mantido coa corporación municipal e medios de comunicación, a presidenta do ente provincial adiantou que Tui recibirá o vindeiro ano unha partida de máis de 952.000 euros ó abeiro do Plan Concellos da Deputación, e contarán con capacidade de xestionalos directamente. Estes presupostos estarán dirixidos para catro liñas de proxectos (investimento; amortización e pagamento de débeda; actividades municipais de clubs deportivos ou asociacións e fomento do emprego para a conservación de bens e servizos).
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, declarou que para o Concello de Tui “hai unha serie de prioridades nas que destinar esta partida orzamentaria, como son a mellora de viarios e estradas e o arranxo de escolas e instalacións deportivas, ademais de potenciar o patrimonio histórico e natural”. Neste senso, Enrique Cabaleiro apuntou que no deseño do Plan directorio de prioridades para Tui, se está a reunir cos partidos da oposición para que fagan as súas aportacións, xa que este tipo de decisións “deben ser tomadas pola corporación municipal ó completo, e non só polo equipo de goberno, nun exercicio de pluralidade democrática”.
Carmela Silva, na súa primeira visita como presidenta da Deputación ó Concello de Tui, salientou que o ente provincial vaille dar autonomía ós municipios para que xestionen os fondos do plan local, que se repartirán de forma equitativa e non arbitraria entre todos os concellos, ó contrario de como se viña facendo ata o momento. Defendeu que son os alcaldes “os que están as 24 horas do día, e os 365 días do ano cos seus veciños, e polo tanto, son os que mellor coñecen as súas necesidades”.
Deseguida, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, afirmou que desaparecerán as subvencións nominativas de libre decisión do presidente, e que en cada axuda outorgada vai haber “criterios e bases claras”. Para o próximo exercicio, Carmela Silva adiantou que a Deputación “vaise centrar en impulsar as potencialidades turísticas da provincia como forma de crear emprego; apoiará ás escolas de deporte base e ós sectores produtivos, que permiten desenvolver o noso entramado económico e melloraranse as infraestruturas para que estean en condicións óptimas”.
Finalmente, Carmela Silva, asinou no libro de ouro do Concello de Tui co gallo da súa primeira visita oficial ó municipio. Así mesmo, recibiu da man do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, unha placa como agasallo.
Sem comentários:
Enviar um comentário