O Teatro Municipal de Tui acollerá seis espectáculo dende este venres
Este venres, 1 de febreiro, comeza a programación do primeiro semestre do ano en Tui. Vén recollida no número 37º da axenda Corredoira Cultural. Está conformada por seis espectáculos que se van levar a cabo no Teatro Municipal e seis eventos que se van celebrar até o mes de maio.
A presentación tivo lugar esta mañá na casa do concello por parte do alcalde, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, o director da AGADIC, Jacobo Sutil, xunto a Elisa Alfaya, Eduardo Rodríguez “Tatán” e Avelino González.
O alcalde, Carlos Vázquez Padín, destacou nesta presentación “a tradición e continuidade ao longo de moitos anos dunha axenda cultural moi completa, que sen dúbida hoxe en día ten un gran prestixio no sector e en Galicia”. Engadía o rexedor que isto “non é froito da casualidade senón do gran traballo realizado ao longo de moitos anos e cunha estratexia moi clara de facer unha axenda moi variada e con gran presenza de produción galega”. Concluía apuntando que “para destacar en calquera ámbito é importante ter continuidade e traxectoria” sinalando a longa traxectoria que ten esta programación cultural na que radica parte do seu éxito.
O concelleiro de Cultura, indicaba que con esta programación o Concello de Tui “mantén a súa liña de calidade nunha programación cultural, que nunha cidade, que a pesar do seu número de habitantes, ten un dos mellores resultados en afluencia de público ao teatro dentro da Rede Galega de Teatro e Auditorios”. O edil agarda que “o público siga manténdose fiel e sendo esixente para que poidamos ter a mellor das programacións ao longo do ano”.
Pola súa parte o director da AGADIC, Jacobo Sutil, destacou a variada programación ofertada nos próximos meses en Tui, con seis espectáculos pertencentes á Rede Galega de Teatro e Auditorios, que son financiados ao 50% pola rede e polo Concello de Tui. Apuntaba que o Teatro Municipal é un dos máis valorados da Rede Galega tanto pola súa dotación como polo trato que se lle da ás compañías que aquí actúan.
Dos seis espectáculos que se van celebrar no Teatro Municipal, dentro da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios, tres van dirixidos a público familiar e tres a público adulto. A primeira cita será este venres, 1 de febreiro, con Talía Teatro que presentará unha revisión do clásico de Carlo Goldini “O servidor de dous amos”. Unha obra que incorpora novas formas de teatralidade e que persegue “o espectáculo total”.
O venres, 8 de febreiro, será a quenda de Elefante Elegante con “Patapatúm”, unha obra a que reflexionan sobre o tempo que os pais e nais lle poden dedicar aos seus fillos. O venres 15 de febreiro chega ao Teatro Municipal “Invisibles” a obra na que Redrum Produccións aborda a violencia de xénero a través da historia de mulleres reais recollidas no seu libro por Montse Fajardo.
Ian Hamilton e Elisa Alfaya serán os responsables de “Cousa de nenos” un espectáculo de maxia, comedia, sombras chinescas, pintura rápida... programado para o venres 1 de marzo. Na presentación desta mañá Elisa Alfaya como tudense amosouse orgullosa de actuar en Tui, logo de estar moitos anos fóra.
Avelino González, director de “Senior” a obra que Culturactiva presentará o venres, 8 de marzo, apuntou que “é un pracer vir a Tui con este espectáculo” xa que dicía “Tui é un dos sitios de referencia para ver teatro no sur de Galicia” ao tempo que apuntaba que a Eurocidade Tui-Valença é un plus xa que aporta público galego-portugués. Nesta obra ponse ao fronte de dous consagrados actores coma Luís Iglesias e Marcos Orsi que abordan en clave de humor a chegada á década dos 50.
Por último o venres 15 de marzo Tanxarina representa a obra de Carlos Casares “A galiña azul”. Eduardo Rodríguez “Tatán” un dos actores / manipuladores, fixo referencia aos 38 anos de traxectoria da compañía nos que Tui sempre foi parte do seu traballo, e referencia no teatro, xa que “non vimos só aquí a facer teatro, senón tamén a ver teatro”. Presentarán o galardoado “A Galiña Azul” que foi premiado como mellor espectáculo infantil nos premios Fetén, e nos María Casares.
O Entroido abrirá a programación de eventos co Desfile Concurso previsto para o martes, 5 de marzo, e o Enterro do Bacallou que se celebrará o domingo 10 de marzo. O Festival Internacional de Documentais de Tui, Play Doc, celebrará a súa décimo quinta edición do 3 ao 7 de abril. As festas de San Telmo terán lugar do 20 ao 29 de abril con eventos coma o Festival Folclórico ou a XI Semana do Teatro Afeccionado. Por último pecha a programa a XXII Feira do Libro Galego que se celebrará no Paseo da Corredoira o 17 de maio, Día das Letras Galegas.
Toda a programación do primeiro semestre do ano vén recollida no número 37º da axenda Corredoira Cultural, da que se editaron 15 mil exemplares que son distribuídos en Tui e Valença.
Sem comentários:
Enviar um comentário