O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presentou hoxe en Fitur Un paseo cheo de historia e vida, un recorrido que pretende poñer en valor o encanto ás veces descoñecido dos cascos históricos de Galicia e crear unha experiencia turística que potencie a autenticidade do destino galego. Trátase dunha nova estratexia que se segue ampliando e na que a Xunta continúa a traballar para engadir novos destinos.
Esta nova oferta presentada en Fitur foi desenvolvida durante o Ano Europeo do Patrimonio Cultural que acaba de rematar e aglutina baixo un mesmo paraugas a preto de 30 itinerarios que percorren as catro provincias da nosa Comunidade. Todos estes destinos destacan polo seu atractivo e pola súa capacidade para xerar oportunidades de emprego e de desenvolvemento territorial sustentable. Ademais son localidades nas que se produce un impacto moi positivo do turismo e da cultura.
Segundo explicou o titular autonómico de Cultura e Turismo, este novo proxecto nace "para crear unha experiencia única coa que potenciar a autenticidade do destino galego a través do fomento da asociación entre cultura, compras e gastronomía". Nesta liña, seleccionáronse negocios que destacan pola súa especial autenticidade e que en moitas ocasións se manteñen grazas ao traballo transmitido de xeración en xeración, aínda que tamén destacan experiencias emprendedoras que sobresaen pola combinación dos valores tradicionais e a modernidade. No eido da gastronomía, o segundo motivo polo que os viaxeiros visitan Galicia, foron seleccionados establecementos que coidan o produto e impulsan a materia prima autóctona.
Cómpre destacar que estas novas rutas se poden enmarcar no compromiso da Xunta recollido na Estratexia do Turismo de Galicia 2020 de que a actividade turística garanta a preservación dos espazos especialmente sensibles e a conservación da súa autenticidade e dos valores patrimoniais. Son, ademais, propostas dispoñibles todos os días do ano e permiten coñecer recursos máis aló dos lugares máis visitados.
Candidatas a Patrimonio Mundial
Galicia é unha terra cun vasto patrimonio cultural sobranceiro recoñecido pola UNESCO na lista do Patrimonio Mundial. Neste momento, Galicia está a avanzar no impulso de tres novas candidaturas como son a Ribeira Sacra, as Cíes-Illas Atlánticas e Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración, que enriquecerán a nosa oferta turística patrimonial.
in Infominho
Sem comentários:
Enviar um comentário